O Congreso convoca para esta quinta feira a primeira Xunta de Portavoces, previa ao Pleno que levantará o vento ás linguas oficiais

A reforma do Regulamento tramitarase vía exprés a semana seguinte para que se poida aplicar na sesión de investidura

A presidenta do Congreso, Francina Armengol (foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera A presidenta do Congreso, Francina Armengol (foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

A Xunta de Portavoces do Congreso español convocou para esta quinta feira, 14 de setembro, a súa primeira reunión da XV Lexislatura co obxectivo de organizar un Pleno para a semana seguinte, destinado a aprobar a reforma do Regulamento da Cámara baixa que levantará o veto ao uso das linguas oficiais nos debates e na presentación de iniciativas.

Esa proposición de lei de reforma do Regulamento foi rexistrada a semana pasada por PSOE, Sumar,  ERC, Bildu, PNV e BNG. O texto iniciará a súa andaina parlamentaria na cuarta feira, cando sexa cualificado pola Mesa do Congreso, onde o PSOE e Sumar teñen maioría.

Un día despois, a Xunta de Portavoces fixará para a semana que vén a data do seu debate co obxectivo de que a reforma poida aplicarse xa no debate de investidura de Alberto Núñez Feixoo, previsto para os próximos 26 e 27 de setembro.

Con este obxectivo, os grupos propoñentes pediron que se tramite polo procedemento de urxencia, o que supón acurtar os prazos parlamentarios á metade, e que se debata "en lectura única" é dicir, nun único Pleno, sen pasar pola Comisión de Regulamento, que aínda non se constituíu.

Os textos deberán levar tradución, polo momento

Así, a reforma entrará en vigor de inmediato. Iso si, atrasarase o uso das linguas oficiais ao presentar textos escritos, pois estabelécese un período de transición dun máximo de seis meses para adaptar os servizos da Cámara, tempo no que os grupos poderán rexistrar iniciativas en galego, eúscaro ou catalán, pero deberán acompañar a tradución ao castelán.

Para aplicar estes cambios, o Congreso disporá dos medios persoais e materiais necesarios, incluíndo os servizos de tradución e interpretación de todas as linguas que teñan o carácter de oficial.

A iniciativa non o detalla pero o plan inicial é que se vaian contratando xa de urxencia tradutores para o debate da investidura de Feixoo, e tamén habería que repartir cascos para que os deputados e os servizos de taquigrafía poidan seguir os discursos en linguas oficiais.

Á espera de que máis adiante se convoque un concurso público para asentar o novo persoal de tradución, estes primeiros contratos poderían saír do fondo de remanentes que dispón o Congreso español cos excedentes que se foron xerando ano tras ano coas partidas orzamentarias non executadas. Segundo os últimos datos publicados polo Congreso, a 31 de marzo de 2022, data de feche do exercicio 2021, a contía dese fondo era de 108,24 millóns de euros.

Comentarios