Pello Otxandiano, de EH Bildu, agradece en galego as mensaxes de apoio tras o avance nas urnas

"Aínda que non podo agradecérvolo a título persoal e un a un, quero que saibades que nos sentimos moi arroupados. Unha aperta!", culminou o líder abertzale a través do seu perfil na red social X no idioma da Galiza, o terceiro máis falado en Bizkaia.
O candidato a lehendakari de EH Bildu, Pello Otxandiano (Foto: Raul Bogajo / Foku).
photo_camera O candidato a lehendakari de EH Bildu, Pello Otxandiano (Foto: Raul Bogajo / Foku).

"Quero agradecer aos nosos compañeiros e compañeiras, ás fomarcións políticas e sociais, así como a todas as personalidades que, tanto desde Euskal Herria como a nivel internacional, nos fixeron chegar as súas mensaxes de agarimo e felicitacións", desta maneira agradeceu, en galego, as mensaxes recibidas polos seus bos resultados, o candidato de EH Bildu nas pasadas eleccións vascas, Pello Otxandiano.

"Aínda que non podo agradecérvolo a título persoal e un a un, quero que saibades que nos sentimos moi arroupados. Unha aperta!", culminou o líder abertzale a través do seu perfil na red social X no idioma da Galiza, o terceiro máis falado en Bizkaia.

Avance histórico

EH Bildu acadou nas eleccións vascas un resultado histórico ao lograr un empate en escanos, mais non en votos, co PNV, que, con todo, non impedirá que o candidato jeltzale, Imanol Pradales, conquiste a lehendakaritza mediante un acordo co PSE-EE de Eneko Andueza, un pacto que tanto nacionalistas como socialistas xa avanzaran durante a campaña electoral.

EH Bildu, que tivo o crecemento máis importante da noite, estivo a piques de arrebatar nalgúns momentos a posición de liderado do PNV, pero os jeltzales mantiveron a posición grazas a un moi bo resultado na demarcación de Biscaia.

Pola contra, en Araba e Gipuzkoa os abertzales lograron o sorpasso. EH Bildu logrou unha clara vitoria en Gipuzkoa por máis de oito puntos e en Araba, onde gañou por algo máis de dous puntos. Unha vantaxe que o PNV compensou cunha gran vitoria en Bizkaia, o seu feudo inexpugnábel, en algo máis de 10 puntos.

Terceiro idioma de Bizkaia

O galego, o idioma empregado por Otxandiano no seu agradecemento, é o terceiro máis empregado en Bizkaia, pois segundo un estudo da Deputación de Bizkaia en 2021, nese territorio fálanse máis de 120 linguas, e as máis utilizadas son, ademais do euskera e o castelán, o galego, o árabe, o tamazight e o romanés. O galego é, por tanto, o terceiro idioma en falantes nese territorio.

Comentarios