Parlamento

O PP de Rueda vota 'non' a apoiar o uso do galego no Congreso

"Hai cousas máis importantes", xustificaba esta terza feira no debate da proposta o deputado 'popular' José Luís Ferro, que criticaba que a lingua propia do país fose "moeda de cambio" para conseguir a Presidencia do Goberno español.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, e o presidente, Alfonso Rueda, hoxe, no Parlamento. (Foto: Arxina)
photo_camera O vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, e o presidente, Alfonso Rueda, hoxe, no Parlamento. (Foto: Arxina)

O Partido Popular da Galiza, tal e como xa adiantara na sesión de debate desta terza feira, non está a favor de que a lingua galega poida empregarse no Congreso dos Deputados en igualdade de condicións co castelán. Xustificaba o deputado José Luís Ferro que o galego "non pode ser unha moeda de cambio para conseguir a Presidencia do Goberno" e que hai "cousas máis importantes" que "preocupan" á cidadanía que a cuestión lingüística.

E na mañá desta cuarta feira, cando chegou o momento de premer o botón para se posicionar oficialmente a respecto da proposición non de lei presentada polo grupo parlamentario do BNG, os 'populares' ratificaron o seu 'non' a que as e os deputados galegos no Estado español puidesen dirixirse ao hemiciclo na lingua propia da Galiza.

"O Parlamento galego insta a Xunta a apoiar a proposta de utilización das linguas cooficiais, nomeadamente o galego, nas intervencións dos deputados e deputadas galegas no Congreso", recollía o texto defendido pola formación nacionalista. Mais a simbólica proposta non saíu adiante, pois o PP fixo valer a súa maioría absoluta para tombar unha votación que si contou co voto favorábel do PSdeG-PSOE.

A oposición dos 'populares' foi duramente criticada esta terza pola nacionalista Mercedes Queixas, quen quixo evidenciar ante a Cámara que "o PP non está a favor do uso do galego no Congreso, e iso teno que ter claro a cidadanía galega". Tamén lamentou que Ferro "non queira pensar por si mesmo" e se limite a "obedecer" e "repetir" as palabras do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda.

Pola súa parte, a deputada do PSdeG Noa Díaz incidiu en que se trata dunha cuestión de "vontade política" porque "nin a Constitución nin o regulamento do Congreso impide o uso doutras linguas ou obriga a usar o español", polo que instou o PP a abandonar a súa "estreiteza de miras" e posicionarse a favor de defender "a lingua e a cultura" da Galiza.

E na sesión desta cuarta feira, ao fío desta cuestión de actualidade, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sacou a colación que Rueda "xa estivo nunha manifestación en contra do galego", en alusión á convocada en 2009 polo colectivo Galicia Bilingüe cando o actual presidente era o secretario xeral do PP na Galiza. 

O galego si poderá usarse no Congreso

Esta votación no Parlamento da Galiza decorreu de forma paralela á reunión —en Madrid— da Mesa do Congreso na que se autorizou o uso das linguas cooficiais no Estado español —galego, euskera e catalán— a partir da vindeira sesión plenaria da Cámara baixa, convocada para a terza feira 19 de setembro. O galego escoitarase no Congreso antes mesmo de se aprobar a reforma do Regulamento. O Partido Popular tamén se opuxo a esta proposta.

Comentarios