O Poder Xudicial alcanza os catro anos en funcións, con 70 prazas vacantes

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) chega este domingo aos catro anos en funcións, dos que leva máis de un ano e medio sen facer nomeamentos discrecionais nos altos tribunais, excepto no Constitucional.

Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo reuníronse esta segunda feira na Moncloa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo nunha reunión na Moncloa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A situación provocou que haxa 70 vacantes na cúpula xudicial, nomeadamente no Tribunal Supremo, onde hai 18 postos libres, o que representa case 14% dos seus efectivos.

As salas máis prexudicadas son as do Militar, Social e Contencioso-Administrativo. Esta última ten pendente resolver os recursos de PP, Ciudadanos e Vox contra os indultos concedidos polo Goberno estatal aos presos políticos cataláns.

A lei encomenda ao CXPX diversas funcións: desde a xestión da administración de xustiza á salvagarda da independencia xudicial de máis de 5.000 xuíces e maxistrados, así como os recursos humanos. O órgano de goberno dos xuíces leva en funcións desde o 4 de decembro de 2018.

A meirande parte das prazas desertas danse nos tribunais superiores de xustiza, que contan con até 31 vacantes, incluídas varias presidencias, ao que hai que engadir 20 en audiencias provinciais e unha na Audiencia Nacional.

Os tres bloqueos do PP na renovación do Poder Xudicial -alén da actual, a de 1995-1996 e a de 2006-2008- provocaron que a dereita decidira a maioría dos nomeamentos dos xuíces no Supremo. A Sala do Penal deste alto tribunal pasou de estar formada en 1995 por sete xuíces progresistas e seis conservadores a que en 2022 sexan 12 conservadores fronte a catro progresistas. Esta é a sala que analiza en última instancia os casos de corrupción.

O único tribunal para o que o CXPX pode realizar nomeamentos é o Constitucional. O Goberno de Pedro Sánchez postulou esta semana o ex ministro de Xustiza Juan Carlos Campo e a ex alto cargo da Moncloa Laura Díez.

O PP mantén o órgano bloqueado

A situación do Poder Xudicial non se explica sen o bloqueo exercido polo Partido Popular, cuxos dirixentes non queren perder o seu poder nunha das institucións chave do réxime de 1978. Un grupo de vogais do CXPX máis próximos ao PP erixíronse como unha sorte de oposición ao Goberno de Sánchez desde o órgano. 

A composición actual fórmana 10 vogais elixidos a proposta do PP; 6 do PSOE; 1 de IU e outro do PNV. Os postos vacantes pola xubilación do conservador Rafael Valverde e o falecemento da progresista Victoria Cinto non se puideron cubrir, ao igual que o de Carlos Lesmes -alto cargo nos Gobernos de José María Aznar-, que dimitiu o 9 de outubro, a primeira vez que o bloqueo institucional forzaba a dimisión da primeira autoridade xudicial do Estado español.

A maioría conservadora vén herdada da última lexislatura de Mariano Raxoi e desde entón tiveron lugar catro eleccións estatais.

Comentarios