O Senado desbloquea a renovación do Tribunal Constitucional e Feixoo vota por erro a favor da proposta do PSOE

Alberto Núñez Feixoo, a quen o PSOE lle afeou a súa ausencia no pleno no que se debateu a norma, trabucouse ao emitir o seu voto e apoiou a postura do Goberno estatal, á que se opuxo a bancada popular.
Pleno do Senado. (Foto: Senado)
photo_camera Pleno do Senado desta cuarta feira. (Foto: Senado)

O Senado aprobou definitivamente esta cuarta feira a proposición de lei impulsada polo PSOE para reformar a Lei Orgánica do Poder Xudicial (LOPX), de modo que o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPX) poderá xa nomear os dous maxistrados e maxistradas do Tribunal Constitucional (TC) que lle corresponden por lei.

A norma foi tramitada de forma 'exprés' nas dúas cámaras lexislativas, polo que agora só resta a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) para a súa entrada en vigor.

A votación saldouse con 147 votos a favor —PSOE, Esquerda Confederal (Unidas Podemos), Bildu, ERC e PNV, entre outras forzas políticas— e 110 en contra, entre eles os de PP, Vox e Ciudadanos, polo que a proposta socialista "queda aprobada definitivamente polas Cortes Xerais", segundo anunciou seguidamente o presidente da Cámara Alta, Ander Gil.

Feixoo errou ao emitir o seu voto e apoiou a proposta do PSOE á que o grupo popular se opuxo

A anécdota da xornada protagonizouna o presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, —cuxa ausencia durante o debate parlamentario foi criticada polo PSOE—, quen se trabucou á hora de emitir o seu voto, apoiando a proposta socialista, se ben neste caso non foi determinante, dada a ampla maioría coa que saíu adiante.

Desbloqueo do nomeamento de titulares do Constitucional

O PSOE introduciu esta proposición de lei o pasado 24 de xuño co obxectivo de emendar parcialmente a reforma da LOPX aprobada en marzo de 2021 a iniciativa do propio Goberno estatal e que impedía ao CGPX facer nomeamentos discrecionais na cúpula xudicial mentres ficase co mandato caducado, unha situación na que se mantén desde decembro de 2018.

Esa limitación de funcións impediu ao CGPX nomear dous dos catro candidatos que deben substituír os catro xuíces e xuízas do TC cuxos mandatos expiraron o pasado 12 de xuño, xa que se trata do terzo que corresponde designar por partes iguais ao Goberno e ao órgano dos maxistrados, con dous aspirantes cada un.

Aliás, a reforma inclúe unha emenda parcial presentada 'in extremis' polo PSOE á súa propia proposición de lei que fixa o 13 de setembro como prazo máximo para que o CGPX designe os seus dous candidatos ao TC.

Comentarios