Feixoo, senador pola Galiza, aínda non rexistrou iniciativas referidas á Galiza

O líder do PP rexistrou nestes sete meses tres interpelacións orais ao presidente do Goberno español, preguntando se "está á altura das necesidades das familias", se "seguirá reformando o Código Penal para favorecer o seu partido e os seus socios" e "cal será a próxima promesa incumprida".
O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, interpelando o Goberno español no Senado. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, interpelando o Goberno español no Senado. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O Parlamento galego elixiu o pasado 24 de maio, unicamente cos votos favorábeis da bancada popular, a Miguel Tellado e Alberto Núñez Feixoo como senadores por designación autonómica. A Cámara ten dereito a escoller tres dos seus 19 representantes no Senado —os outros 16 obteñen o cargo por sufraxio directo nas eleccións xerais, catro en cada circunscrición—, e o papel destes senadores é defender os intereses do territorio que os designou.

Porén, segundo figura na ficha persoal de Núñez Feixoo, nestes sete primeiros meses non realizou intervención ningunha relacionada coa Galiza, senón que utilizou o seu cargo, unha e outra vez, para confrontar co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, dado que o líder popular non pode facer o propio no Congreso porque non é deputado.

Foron tres as súas interpelacións orais ao presidente no Senado. A primeira delas, rexistrada o 31 de maio, formulouna nuns termos pouco concretos: "Considera o presidente do Goberno que o seu Executivo está á altura das necesidades das familias españolas?".

A segunda pregunta oral de Feixoo a Sánchez data do pasado 16 de novembro, no marco da polémica xurdida arredor da supresión do delito de sedición e a reforma proposta da malversación. "Vai seguir reformando o Código Penal para favorecer membros do seu partido e os seus socios de Goberno?", dixo o líder do PP.

Finalmente, o pasado día 15 rexistrou no Senado máis unha interpelación oral que aínda non puido formular, algo que previsibelmente fará na sesión plenaria que comeza esta terza feira. A pregunta, un ataque máis directo a Pedro Sánchez: "Cal será a súa próxima promesa incumprida?".

Feixoo si fixo alusión á Galiza no pleno cando Sánchez lle afeou a súa xestión á fronte da Xunta

Cando si se fixo alusión á Galiza foi no pleno do 6 de setembro. O presidente Sánchez dirixiu fortes críticas á xestión de Núñez Feixoo á fronte do Goberno galego: "En 2009 vostede atopou unha Xunta cunha débeda pública de 3.900 millóns de euros. No ano 2022 é de 11.300 millóns", dixo, e a continuación engadiu: "É sorprendente reclamar ao Goberno de España que aumente a partida para a gratuidade dos libros de texto das comunidades autónomas cando o señor Feixoo a primeira medida que tomou como presidente da Xunta foi quitar esas axudas á gratuidade aos estudantes galegos".

Ao líder do PP non lle gustaron estas declaracións, polo que respondeu: "Señoría, vir aquí a dar unha lección de como se goberna Galiza... Home! Honradamente, divertinme con intensidade, non llo oculto, pero despois de catro maiorías absolutas, a secretaría xeral do Partido Socialista do señor Pedro Sánchez conseguiu algo importantísimo na Galiza: quedar de última forza parlamentaria nas últimas eleccións".

Posteriormente, no pleno do 18 de outubro Alberto Núñez Feixoo tentou sacar peito dos seus trece anos en San Caetano: "No ano 2017 houbo unha comunidade que foi pioneira en lanzar un bono eléctrico para axudar a estas familias para pagar o 50 % dos recibos da luz; ano 2017, antes de que vostede estivese no Goberno. [...] Esa comunidade era Galiza".

O presidente Sánchez, pola súa parte, replicou: "Dixo mentiras unha e outra vez. Vou dar os parabéns ao señor Núñez Feixoo con oito anos de atraso, porque foi co señor Rodríguez Zapatero no ano 2009 cando se creou o bono social". E aí concluíron, até o momento, as referencias á Galiza do senador pola Galiza Alberto Núñez Feixoo.

O líder do PP ausentouse do Senado a pasada semana após interpelar o Goberno, sen escoitar o resto de oradores

Mais o líder popular volveu ser un dos protagonistas da sesión plenaria da pasada semana, cando se debatían os Orzamentos Xerais do Estado. O senador de Ciudadanos Miguel Sánchez afeoulle —e non é a primeira vez— a súa ausencia após confrontar co Executivo: "Eu creo sinceramente que a señora Montero e o señor Feixoo, o señor Feixoo e a señora Montero, pois non se escoitaron. Ben, a señora Montero polo menos ten a delicadeza de escoitar o resto de oradores. O señor Feixoo saíu como un lóstrego e, ben, vese que non lle interesa nada o que din os demais".

Comentarios