Ana Pontón pide un incremento nas partidas de investigación para "captar talento"

Ana Pontón reclamou na Coruña un maior investimento en I+D+i para que "Galiza poida ser referente neste ámbito".
Ana Pontón (no centro) esta segunda feira na Cidade das TIC na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón (no centro) esta segunda feira na Cidade das TIC na Coruña (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou un incremento do gasto en investigación e un pacto pola ciencia para converter a Galiza nun "referente" neste ámbito.

Fíxoo nunha visita ás instalacións da Cidade das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) na Coruña coa presenza, entre outros, do reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Albade.

Desta iniciativa, asegurou que non só é un proxecto "importante" para A Coruña senón tamén para Galiza, ao que sumou a decisión de que a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia) estea na cidade herculina.

"Unha oportunidade para Galiza, para ser referente nun ámbito de futuro", sinalou a portavoz nacional do BNG, quen aproveitou tamén para reclamar á Xunta unha estratexia pola ciencia e a innovación para o que considerou necesario un pacto neste ámbito.

Segundo Ana Pontón, a iniciativa debe levarse a cabo co obxectivo de que no horizonte de 2030 se destine 2,5% do Produto Interior Bruto (PIB) para así desenvolver "tecnoloxías emerxentes e mellorar a competitividade das nosas empresas".

"Captar talento"

Na mesma liña, apelou a "captar talento", polo que indicou que o BNG levará ao Parlamento galego unha proposición de lei para a creación do 'Innogal', un instituto galego que promova e coordine a investigación, o desenvolvemento e a innovación (I+D+i) no país.

"Cada ano perdemos 311 millóns de euros polo talento investigador que marcha", expuxo a dirixente nacionalista quen instou a implantar un modelo como o que existe xa en Catalunya ou en Euskadi, pero adaptado ao sistema investigador galego.

Así mesmo, demandou a creación dun consorcio galego pola dixitalización coa participación das universidades, a Xunta e as entidades locais para "avanzar" nesta área.

Comentarios