Lesmes dimite e Bruxelas pide "con urxencia" renovar o Poder Xudicial

Sánchez e Feixoo xúntanse para "un último intento" após facer público o xa ex presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo a súa renuncia.
Carlos Lesmes, presidente até o momento do CXPX. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sánchez e Feixoo, esta segunda feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Case catro anos despois do final -teórico- do mandato que tiña asignado o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) español e do Tribunal Supremo, Carlos Lesmes, presentou onte a súa dimisión perante “a imposibilidade legal” de proceder á renovación do órgano de goberno das e dos xuíces, explicou.

Esta remuda, que ten que ser aprobada no Congreso e no Senado co apoio de tres quintas partes das cámaras, foi bloqueada en múltiples ocasións polo Partido Popular (PP), o que mantén en funcións a un órgano xudicial de maioría conservadora, ao ser pactado durante unha lexislatura na que ostentaban a maioría no lexislativo. En cambio, o PP acusa o Goberno de PSOE e Unidas Podemos de negarse a aceptar as súas propostas para que a maxistratura teña un peso maior na elección do CXPX.

Durante o tempo no que actuou en funcións, Lesmes liderou o nomeamento de 74 funcionarios na cúpula xudicial, 21 deles no Supremo, até que unha reforma legal impulsada polo Executivo acabou con esa potestade, que en última instancia foi devolta para acabar coa parálise no Tribunal Constitucional polos postos pendentes de asignar. O CXPX aínda non concluíu quen ten que substituír a Lesmes de forma provisional.

A UE pide unha “solución”

A renuncia “reafirma unha vez máis a urxencia de atopar unha solución”, aseverou Christian Wigand, voceiro de Xustiza da Comisión Europea, incidindo en que primeiro hai que proceder á renovación do CXPX e despois analizar a reforma do sistema de elección dos integrantes do órgano, insistindo en que “seguen esta cuestión de cerca”.

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, reuniuse para abordar esta cuestión co líder da oposición e do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, no que constitúe un “último intento” para desbloquear a renovación do Poder Xudicial co fin de “dar unha solución rápida” e “superar a crise profunda” que vive a institución, indicou o ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Félix Bolaños. Así e todo, apuntou que non hai “ningún prazo concreto” fixado.

Esteban González Pons, vicesecretario Institucional do PP, describiu os contactos como unha “última oportunidade” e fixo fincapé en que o único que se concretou é que dialogarán, sinalando que reiteran a vixencia da súa proposta de reforma do sistema de elección dalgúns membros do CXPX.

Comentarios