Pedro Sánchez móstrase disposto a modificar a lei do 'só si é si' mais esperará a que se pronuncie o Supremo

O Alto Tribunal español xa emitiu unha primeira comunicación despois de sentenciar sobre o 'caso Arandina', avalou rebaixar as penas aos condenados en virtude da nova lei aínda que insistiu en que se debe analizar caso a caso.
O presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, esta terza feira (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera O presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, esta terza feira (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

O Goberno estatal mostrouse aberto a modificar puntualmente a lei de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como lei do 'só si é si', despois reducións de penas e excarceracións a condenados por delitos sexuais.

Con todo, eses retoques faríanse despois de que o Tribunal Supremo se volva pronunciar sobre o asunto e estabeleza xa xurisprudencia.

No acto de aniversario da Constitución española, o presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, defendeu que a lei impulsada polo Ministerio de Igualdade é "boa", aínda que se hai que facer algún axuste técnico da lei farase, pero unha vez que se pronuncie o Tribunal Supremo.

O Alto Tribunal español xa emitiu unha primeira comunicación despois de sentenciar sobre o 'caso Arandina', avalou rebaixar as penas aos condenados en virtude da nova lei aínda que insistiu en que se debe analizar caso a caso.

Até o momento, tanto o presidente do Goberno estatal como o resto de ministros defenderon a lei e os seus efectos positivos, remarcando que o obxectivo da norma é reforzar a protección das vítimas.

Desde que a lei entrou en vigor o pasado 7 de outubro, o número de condenados que se viron beneficiados no conxunto do Estado polo novo marco de penas que recolle a lei do 'só si é si' ascende polo menos a 52, entre revisións de condena á baixa (48) e sentenzas posteriores en aplicación da norma (4). Un total de 12 persoas foron excarceradas.

Emendas á lei Trans

Por outra parte, Sánchez asegurou que o PSOE defenderá até o final e non retirará a súa emenda á lei trans, que eleva a 16 anos a idade para a autodeterminación de xénero sen autorización xudicial (en lugar de 14 como pretende o seu socio de Goberno Unidas Podemos).

O proxecto aprobado polo Consello de Ministras e Ministros fixa que os menores entre 12 e 13 anos requiran autorización xudicial para o cambio de sexo legal, mentres que aos de 14 e 15 bastaríalles con ser asistidos polos seus proxenitores ou titores.

Delito de maversación

Pedro Sánchez tamén recoñeceu esta terza feira a vontade do seu Executivo de proceder a unha reforma limitada do delito de malversación, delimitado a aqueles casos onde non se produza un lucro persoal do condenado por esta figura penal.

Pedro Sánchez xustificou a súa proposta recorrendo ao dereito comparado, significando como se recolle este delito na lexislación penal dos países da contorna. Nesta liña, advertiu que non se vai retroceder en materia de loita contra a corrupción, nin se van rebaixar penas que teñan que ver coa mesma.

A reforma do delito de malversación é unha petición de Esquerra Republicana de Catalunya que, xunto a outras formacións independentistas, ten varios militantes sancionados por este tipo penal, como consecuencia das decisións políticas que adoptaron en 2017 para facer posíbel o referendo soberanista en Catalunya.

A fórmula técnica para mudar este tipo legal estaría ligada á tramitación dunha proposición de lei do PSOE e Unidas Podemos para cambiar o delito de sedición, que actualmente se debate no Congreso co obxectivo de permitir a súa entrada en vigor en xaneiro de 2023. A este respecto, dáse por feito a presentación dunha emenda de ERC a esta proposta que contaría co apoio dos partidos do Goberno.

Comentarios