Sánchez e Feixoo pactan un "último intento" para desbloquear a renovación do Poder Xudicial

Esteban Gónzalez Pons (PP) e Félix Bolaños, ministro de Presidencia, serán os encargados de liderar as negociacións.
Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo reuníronse esta segunda feira na Moncloa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo reuníronse esta segunda feira na Moncloa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O até o de agora presidente do Tribunal Supremo e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), Carlos Lesmes, ratificou esta segunda feira a súa esperada renuncia ao cargo, ante o "bloqueo" na renovación deste órgano por falta de acordo entre as diferentes forzas políticas.

Este anuncio propiciou unha reunión, que durou perto de tres horas, entre o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, un encontro que se presentou como "última oportunidade" para resolver esta crise institucional o antes posíbel.

O Executivo, a través do ministro de Presidencia, Félix Bolaños, a quen Sánchez designou como interlocutor —Feixoo delegou as negociacións no vicesecretario institucional do PP, Esteban González Pons—, apuntou que ambas as formacións traballarán "desde xa" na procura dun "acordo rápido" que permita desbloquear unha situación "moi grave que dura xa máis de catro anos".

PP e PSOE, que non fixan prazos concretos, traballarán con "intensidade e discreción"

PSOE e PP non fixaron aínda un prazo concreto para resolver a renovación do CXPX e máis do Tribunal Constitucional, mais si sentarán a negociar "en serio" e "de maneira inmediata".

Bolaños, preguntado por se o Goberno español se abrirá a mudar o modelo de elección, apuntou que en Moncloa optan pola discreción no tocante ao contido da reunión: "Traballaremos con intensidade e discreción e, cando haxa acordos, comunicarémolos", precisou.

Cuestionado tamén sobre o coñecemento que ten do contido destas negociacións o seu socio de goberno, Unidas Podemos, o ministro asegurou falar con Yolanda Fíaz para "estar coordinados" nas conversas co PP.

Pola súa parte, Núñez Feixoo celebrou os "avances" da reunión de cara a abordar esta "renovación conxunta" por medio dun "novo marco" que "afonde en criterios de independencia", un paso que, ao seu entender, "podía darse moito antes".

Comentarios