500 queixas por vulneracións e discriminacións ao galego en 2021

O número de queixas recibidas na Mesa pola Normalización Lingüística por vulneracións de dereitos lingüísticos da cidadanía galega duplicou en 2021 o do ano anterior. Así o recolle o informe da Liña do Galego presentado na Deputación da Coruña e onde son as Administracións de novo as que acumulan maior número de reclamacións: 65% do total. 
a mesa liña do galego
photo_camera Celia Armas, María Muíño e Marcos Maceira.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto que A Mesa pon a disposicións dos cidadáns desde 2008, no que se poden presentar queixas sobre a vulneración dos dereitos lingüísticos ou poden facerse consultas respecto a estes dereitos. Tamén se poden mandar 'parabéns' para aqueles que garanten a presenza do galego e a vivir nesta lingua.

Ao longo de 2021, a entidade tramitou a través de chamadas, correos electrónicos e da app da Liña do Galego un total de 601 expedientes, dos que 488 foron queixas, 55 foron consultas e 58 foron parabéns. 

As administracións públicas e, nomeadamente o Sergas, acumulan o maior número de queixas. A secretaria xeral da Mesa, Celia Armas explicou que, en xeral, "é no ámbito da Administración onde a cidadanía é máis consciente da existencia dunha normativa que ampara os seus dereitos lingüísticos, polo que tolera menos a súa vulneración". 51% das queixas son sobre a Administración galega, 28% afectan a do Estado e 21% a Local.

Privado

Porén, Armas sinalou que "no sector privado aínda hai moito por avanzar". Neste sentido, denunciou que as empresas sobre as que máis queixas se rexistraron en 2021 foron Naturgy, Ikea, Gadis, Google, Endesa e o Centro Comercial Vialia: falta de atención oral e escrita en galego, da sinalización e rotulación dos establecementos exclusivamente en español e da deturpación de toponimia galega foron os motivos. Tamén destacou Armas algúns dos éxitos acadados despois da actuación da Liña do Galego, como a corrección da toponimia deturpada.

"Rachar a impunidade"

O obxectivo do servizo Liña do Galego é "romper a normalidade e impunidade da exclusión do galego". Algo que o propio presidente da Mesa, Marcos Maceira, apunta a Nós Diario: "Denunciar é fundamental para que se coñezan esas agresións, e denunciar tamén é fundamental porque permite en ocasións acabar con esas agresións ao galego". En calquera caso", indica Maceiras, "o que presentamos no informe é unha mostra mínima do que acontece na Galiza co galego, temos a certeza de que hai miles de casos semellantes mais só nos chega unha parte pequena". Pola súa parte, María Muíño, deputada de Lingua da Deputación da Coruña, incidiu na importancia da Liña do Galego "como ferramenta para transformar e mudar a realidade". É, dixo, "un proxecto necesario, singular e excepcional" e anunciou que o seu departamento continuará co apoio a esta iniciativa en 2022.

Como exemplo de negación do dereito ao uso do galego con repercursión noutros dereitos como a saúde ou a información, Maceira sinalou o caso do veciño de Rianxo ao que a Delegación do Goberno sancionou con 601 euros por reclamar ser atendido en galego nun cribado Covid.

Comentarios