Día das Letras

Milleiros de persoas exixen á Xunta maior compromiso co galego na manifestación do Día das Letras Galegas

Queremos Galego destaca os "éxitos" da "mobilización social" para promover o uso e a defensa da lingua.
Manifestación polo Día das Letras Galegas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación polo Día das Letras Galegas. (Foto: Nós Diario)

Baixo berros de 'Aínda que se molle, o galego non encolle', a manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego para reclamar á Xunta políticas de normalización do idioma propio da Galiza partiu pasadas as 12 horas desta terza feira, Día das Letras Galegas, desde a Alameda de Santiago de Compostela.

Antes do comezo da mobilización, o voceiro da plataforma cidadá Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, reivindicou o futuro do galego.

Maceira destacou os "éxitos" que conseguiu a "mobilización social" no último ano. Puxo en valor que, como consecuencia da 'Iniciativa Xabarín', "en breve imos ver como Netflix vai comezar a dobrar en galego".

Tamén fixo referencia á "histórica sentenza" do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que "obriga a garantir o uso do galego diante de toda a administración, nomeadamente a do Estado".

No entanto, matizou que aínda existen "resistencias" por parte dos poderes públicos. "No caso do Goberno estatal, opoñéndose á lexendaxe, dobraxe en galego na nova Lei do audiovisual que semella que se vai aprobar nos vindeiros días", lamentou o voceiro de Queremos galego.

"Temos dereito a ver todo en galego e facelo no noso domicilio", proclamou.

Milleiros de manifestantes

A cuberto baixo os seus paraugas, milleiros de persoas participantes na mobilización iniciaron a marcha polo Ensanche compostelá, para posteriormente percorrer as rúas do centro histórico até chegar á  praza da Quintana, onde terá lugar a lectura do manifesto e a intervención final de Maceira, antes de que o Himno Nacional poña o broche de ouro á mobilización.

Nesta tradicional manifestación participan numerosos persoeiros destacados da vida social e política da Galiza. Entre elas a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario  xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. Tamén os líderes dos sindicatos, que volveron incidir na necesidade de derrogar o decreto do plurilingüismo que regula o idioma no ensino.

Os líderes da oposición e dos sindicatos instaron o novo Goberno da Xunta, que tomou posesión a segunda feira, a impulsar novas políticas para que os máis novos empreguen o idioma propio da Galiza fronte ao efecto "desgaleguizador" da educación.

De feito, a Consellaría de Educación foi o albo das consignas lanzadas polas persoas manifestantes ao chegar á praza da Quintana, onde lle puxeron distintos "suspensos" ao titular de Educación, Román Rodríguez. 

[En ampliación]

Comentarios