Día das Letras

Marcos Maceira: "Queremos vivir en galego agora e vivir en galego sempre"

O voceiro de Quremos Galego reclamou á Xunta un "cambio de actitude" na defensa e promoción do uso do galego.
Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego, destacou os éxitos para a lingua no último ano. (Foto: Arxina)
photo_camera Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Arxina)

O voceiro da plataforma cidadá Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, reivindicou o futuro do galego con motivo da manifestación do Día das Letras que está a decorrer en Santiago de Compostela.

Antes de partir da Alameda compostelá a manifestación, en declaracións aos medios de comunicación, Maceira destacou os "éxitos" que conseguiu a "mobilización social" no último ano.

Puxo en valor que, como consecuencia da 'Iniciativa Xabarín', "en breve imos ver como Netflix vai comezar a dobrar en galego".

Tamén fixo referencia á "histórica sentenza" do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que "obriga a garantir o uso do galego diante de toda a administración, nomeadamente a do Estado".

No entanto, matizou que aínda existen "resistencias" por parte dos poderes públicos. "No caso do Goberno estatal, opoñéndose á lexendaxe e dobraxe en galego na nova Lei do audiovisual que semella que se vai aprobar nos vindeiros días", lamentou o voceiro de Queremos Galego.

"Temos dereito a ver todo en galego e facelo no noso domicilio", proclamou.

"Cambio de actitude" do novo presidente da Xunta

Por outra parte, o presidente da Mesa lembrou a "actitude" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao manifestarse en 2009 "por primeira vez, en contra do galego", da man da entidade galegófoba, Galicia Bilingüe, e subliñou que agarda que se produza un "cambio de actitude".

"No seu discurso de investidura falaba de galeguismo, falaba de liberdade e falaba de exercer o seu cargo con dignidade", sinalou Maceira, "e se quere facelo terá que cumprir co que estabelece o Estatuto de Autonomía, que di que os poderes públicos teñen que promover o galego".

"Terá que comprometerse tamén coa liberdade de uso da lingua galega, coa liberdade de uso no ensino, coa liberdade de uso do galego no audiovisual e garantindo a liberdade do uso do galego en toda a Administración", engadiu.

O voceiro criticou que "as crianzas entran hoxe na escola falando galego e saen falando castelán. Precisan liberdade para que isto non sexa así". "E aqueles que entran falando galego teñen dereito a coñecer o galego para poder empregalo", manifestou.

Para Maceira, "non hai ningún futuro negativo escrito para o galego, depende de nós, da mobilización social e do compromiso dos poderes públicos". "Queremos vivir en galego agora e vivir en galego sempre", sentenciou.

comentarios