Está garantido o uso do galego na Xustiza?

"Como resolvería se alegase descoñecemento da lingua galega?", preguntou un avogado a un xuíz en Vigo tras intervir a outra letrada en galego, algo ao que o maxistrado respondeu: "Eu non podo obrigar ninguén".
Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)

A avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas, denunciou esta terza feira a través do seu perfil en Twitter a situación coa que se vén de topar nos Xulgados de Vigo.

"Hoxe [por esta terza], tras a celebración dunha vista na que eu me expresei en galego, o avogado contrario preguntoulle ao xuíz como resolvería se el chegase a alegar descoñecemento da lingua galega, se o xuíz obrigaría a outra avogada a expresarse en español", expuxo.

O xuíz, dixo Quintas, replicou que non pode "obrigar" ninguén a se expresar nunha determinada lingua, mentres a avogada contestou ao seu compañeiro mencionando o artigo 142 da Lei de Axuizamento Civil, que ampara o dereito a falar en galego e a pedir un intérprete se se descoñece a lingua propia do país.

"É o que ten non saber linguas: eu a el enténdoo; el a min... neste caso resultou que tamén", profundou Elsa Quintas. "Por estas e outras cousas faise necesario abordar o estudo dos dereitos lingüísticos nas facultades de Dereito, en todas", engadiu.

Medio millar de queixas por vulneracións

Cómpre lembrar que o pasado marzo A Mesa apuntou que en 2021 tramitou, a través da Liña do galego, un total de 601 expedientes, dos que 488 foron queixas, 55 foron consultas e 58 foron parabéns pola iniciativa.

"Denunciar é fundamental para que se coñezan esas agresións, e denunciar tamén é fundamental porque permite en ocasións acabar con esas agresións ao galego", dixo o seu presidente, Marcos Maceira, en declaracións a Nós Diario.

Como exemplo de negación do dereito ao uso do galego con repercursión noutros dereitos como a saúde ou a información, Maceira sinalou o caso do veciño de Rianxo ao que a Delegación do Goberno sancionou con 601 euros por reclamar ser atendido en galego nun cribado Covid.

Comentarios