Pode o galego quedar fóra da nova lei estatal do audiovisual?

Segundo explica A Mesa pola Normalización Lingüística, os artigos sobre cotas de emisión, catálogo, financiamento e dobraxe por parte das plataformas de vídeo e das canles de televisión só citan “a lingua oficial do Estado e algunha das linguas oficiais nas comunidades autonómas”.
Unha persoa visualiza Netflix no seu teléfono móbil. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha persoa visualiza Netflix no seu teléfono móbil. (Foto: Europa Press)

A Mesa pola Normalización Lingüística (AMNL) advertiu nesta cuarta feira da posibilidade de que o galego quede fóra da nova lei estatal do audiovisual, unha vez rematou o prazo para presentar emendas.

Segundo explica a entidade lingüística, os artigos sobre cotas de emisión, catálogo, financiamento e dobraxe por parte das plataformas de vídeo e das canles de televisión só citan “a lingua oficial do Estado e algunha das linguas oficiais nas comunidades autonómas”.

"O emprego sistemático desta expresión podería deixar a nosa lingua fóra das conquistas alcanzadas, en grande medida, grazas á mobilización da sociedade galega a partir da Iniciativa Xabarín", reivindica AMNL.

Neste sentido, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, denunciou que “esta expresión foi só emendada por BNG, Podemos, PNV e Bildu, malia estaren todas as organizacións políticas advertidas por AMNL de que pode supor a exclusión de todas as linguas minorizadas do Estado, menos unha”.

Porcentaxes mínimas "só garantidas" para o castelán

“Converter a pluralidade lingüísitica nun único paquete que pode ser enchido con calquera das linguas”, denuncia Maceira, “só daría garantías reais de porcentaxes mínimas ao castelán”.

Para a Mesa, é “un insulto” que se agrava no caso galego, “ao desprezar completamente a Iniciativa Xabarín, que reuníu máis de 33.000 sinaturas en plena pandemia e conseguiu o apoio unánime do Parlamento”.

A iniciativa contemplaba reclamar ao Estado que a nova lei do audiovisual recoñecese “a pluralidade lingüística como principio básico igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións así como no financiamento anticipado”.

“Estamos a tempo de parar a posibilidade de que o galego fique excluído do audiovisual para as próximas décadas”, asegura o presidente da Mesa.

“A sociedade galega ten nuns días a ocasión de se manifestar na rúas a favor da lingua galega no audiovisual, participando na convocatoria de Queremos Galego para este 17 de maio”, recorda Maceiras. “Sen presenza de galego no audiovisual”, remata, “as dificuldades das familias para tranmistir e as limitacións para a incorporación de novos falantes son moito maiores. A nova do lei audiovisual estará vixente nas próximas décadas”.

Comentarios