BNG anuncia emendas á Lei do audiovisual para garantir o galego

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados anunciou na sexta feira a presentación de emendas á Lei do audiovisual tras o “incumprimento” por parte do Goberno español dos “compromisos xa asumidos publicamente con anterioridade á aprobación do Proxecto de Lei no Consello de Ministros”.

O deputado nacionalista Néstor Rego valora a situación da Galiza no ecuador da lexislatura (Foto: Arxina)
photo_camera O deputado nacionalista Néstor Rego (Foto: Arxina)

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, anunciou na mañá da sexta feira a presentación de emendas á Lei do audiovisual tras aprobar o Consello de Ministras e Ministros na terza feira un proxecto de lei que non recolle os "compromisos xa asumidos publicamente con anterioridade" a esa luz verde.

"A sorpresa saltou ao comprobar que un dos elementos cruciais para garantir o dereito a contar con produtos audiovisuais en galego, catalán e eusquera, a obrigatoriedade dunha porcentaxe mínima de 6%, xa asumida publicamente polo Goberno, só iría afectar as plataformas con sede social no Estado español, mais non outras como Netflix, HBO e Prime Video", salienta.

Nun comunicado de prensa, Rego lembra que, "para alén de ser unha reivindicación de xustiza, o Parlamento de Galiza aprobou de forma unánime no pasado mes de maio a 'Iniciativa Xabarín'", que fai alusión á Lei do audiovisual.

O acordo ao que chegaron os grupos con presenza na Cámara galega sinala “que a nova Lei Xeral do Audiovisual" debe recoñecer "a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda”.

“O BNG vai formular emendas a este proxecto de Lei, para que respecte o criterio de igual tratamento a galego e castelán nos contidos audiovisuais de todas as plataformas e tamén para que os medios públicos estatais reflictan na súa programación a realidade plurilingüe e culturalmente diversa do Estado”, explica Rego.

O deputado nacionalista acrecenta que os galegos e galegas “tamén pagamos impostos, con que se financia a CRTVE, e temos dereito a ver as producións culturais galegas -ademais, de altísima calidade- neses medios”.

10,5 millóns para o audiovisual

Ademais, anunciou que o BNG "vai prestar atención á obrigatoriedade, quer das plataformas dixitais quer das televisións públicas e privadas con licenzas públicas -especialmente TVE- de contribuír para financiamento anticipado de producións audiovisuais na nosa lingua". Precisamente, nos Orzamentos do Estado de 2022 foi incorporada unha partida de 10,5 millóns de euros para o apoio á produción audiovisual en galego, euskera e catalán, froito dunha transaccional a partir dunha emenda impulsada polo BNG e rexistrada conxuntamente con ERC e EH Bildu.

Con este acordo, lembra Rego, "recupérase un fondo que xa existiu entre 2009 e 2011 e que foi suprimido polo PP en 2012". “É unha contía modesta, mais fundamental para que o Ministerio de Cultura comece a apoiar o grandísimo talento que existe no audiovisual galego, que a pesar das dificultades xera produtos de grande calidade que son mesmo recoñecidos e premiados a nivel internacional”, conclúe.

Comentarios