A norma contradí unha proposta unánime do Parlamento da Galiza

As propostas de PP de PSOE non garanten o galego no audiovisual

A aprobación da Lei do audiovisual entra na súa fase decisiva no Congreso dos Deputados. Unha vez fechado esta semana o prazo de presentación de emendas polos grupos parlamentarios, as propostas de modificación formuladas polo PSOE e o PP non garanten a presenza do galego nas novas plataformas de comunicación.

a mesa
photo_camera Membros da Mesa presentando unha iniciativa a prol do audivisual en galego.(Foto:Europa Press)

A Galiza ten reclamado por unanimidade do seu Parlamento unha lei audiovisual que garanta a igualdade de dereitos para o conxunto das linguas do Estado. A proposta, resultado dunha iniciativa popular promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, avalada por 33.000 sinaturas e apoiada polo PP, BNG e PSdeG, solicita que "a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda".

A demanda das forzas parlamentarias galegas parte da realidade do idioma no sector audiovisual. Segundo os datos achegados pola Mesa, dos 25.872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés, pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á lingua propia da Galiza.

A proposta a debate no Congreso dos Deputados vai nunha dirección diferente á alternativa formulada desde a Galiza. A este respecto, entidades en defensa da lingua como a A Mesa, Kontseilua de Euskadi ou Òmnium Cultural de Catalunya e formacións políticas como o BNG, EH Bildu, o PNV ou Podemos teñen expresado a súa preocupación pola presenza continuada no texto da norma da expresión "na lingua oficial do Estado ou nalgunha das linguas das comunidades autónomas" . A citada disposición, recollida nos artigos 113, 114, 116 e 117, está referida a cotas de emisión e catálogo e financiamento de producións.

Sen un mínimo para cada lingua

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sinala a Nós Diario "o perigo desta expresión, na medida en que calquera cota que se estabeleza en relación á pluralidade lingüística podería ser cuberta simplemente cunha soa das tres linguas oficiais, especialmente cando o texto presentado polo Goberno non contempla a existencia dun mínimo para cada lingua. Neste sentido do mesmo modo que sería incomprensíbel que o galego cubrise a cota ou porcentaxe de garantía da pluralidade lingüística, tamén o sería que fose unha das linguas excluídas".

As entidades en defensa da lingua de Catalunya, Euskadi e Galiza téñense reunido cos grupos parlamentarios para expresarlles a súa preocupación. Nesta liña, o BNG, os grupos soberanistas vascos e Podemos xa teñen rexistrado as súas emendas para excluír esta disposición legal. Na mesma dirección, desde A Mesa chaman ao PP e ao PSOE "a rectificaren apoiando no proceso de debate algunha das emendas presentadas que van na dirección do aprobado polo Parlamento galego".

Comentarios