Opinión

A Iniciativa Xabarín para “algunha” das linguas do Estado?

O12 de maio farase un ano da aprobación por unanimidade no Parlamento galego da Iniciativa Xabarín. Foi o resultado dunha intensa mobilización promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística coa axuda inestimábel de ducias de colectivos sociais, de centos de estabelecementos comerciais e hosteleiros e de máis de 33.000 persoas que en plena pandemia, con restricións de mobilidade e confinamentos, foron capaces de se uniren para conseguir unha presenza digna da nosa lingua nos contidos audiovisuais. Como resultado a TVG comprometeuse a incluír a canle Xabarín, xa dispoñíbel na súa web e app, na plataforma que porá en andamento este ano. Plataformas como Netflix ou Prime xa comezaron a incluír o galego na lexendaxe dalgúns dos filmes dos seus catálogos e esta semana estrearase o primeiro filme dobrado ao galego.

Porén, non debemos esquecer que os obxectivos que se fixaba a Iniciativa Xabarín só serán reais e permanentes se ademais do comentado se garantiren tamén na Lei Xeral de Comunicación Audiovisual a debate neste momento no Congreso dos Deputados. É esa lei, que estará vigorante nas próximas décadas, a que fixará cotas de emisión, de catálogo, de financiamento de producións ou a presenza de obras dobradas e lexendadas nas diferentes linguas. É mesmamente nestes aspectos onde estará un dos elementos centrais do debate xunto ás porcentaxes que se estabelezan.

Só BNG, Podemos, EH Bildu e PNV presentaron emendas para o texto da lei recoller un mínimo para todas as linguas e que en vez de falar de “algunha das linguas oficiais das Comunidades Autónomas” fale de todas “as linguas propias oficiais”. O matiz non é irrelevante. Na saca de “algunha das linguas oficiais” podería caber só unha das lingua oficiais, incluída a do Estado (tamén oficial en todos os países xunto á lingua propia). A intención aparente de recoñecer a pluralidade lingüística na lei audiovisual pode ficar nunha selección á carta das grandes corporacións do sector que decidirán en que lingua oficial, ademais do sempre salvagardado español, poderemos ver calquera filme ou serie. A oferta que se oferece en español, de novo restrinxida e condicionada en galego, eúscaro ou catalán, nunha absurda rivalidade obrigada por lei. Todas as linguas son imprescindíbeis para os seus pobos, tamén a lingua galega para o galego.

Se pretender que a oferta se limite a unha soa das linguas oficiais é indicativo da falta de respecto polas linguas diferentes do español, no caso galego sería unha aldraxe descomunal. Coa actual redacción unha das linguas excluídas pode ser a do pobo que máis actuou para colocar a pluralidade lingüística no centro do debate audiovisual. O Parlamento galego foi o único que demandou igualdade en todo o que no Congreso se quere limitar a “algunha das linguas”. As próximas semana será decisivas para esta posibilidade saír adiante. Encontrámonos de novo perante a necesidade de manter o éxito social arrincado coa Iniciativa Xabarín, como adoita acontecer con case todos os avances conseguidos para o galego, non abonda con chegar, hai que actuar día a día para non ficaren cancelados.

Estamos a tempo de parar a posibilidade de o galego ficar excluído do audiovisual para as próximas décadas. A sociedade galega ten nuns días a ocasión de se manifestar na rúas a favor da lingua galega en todo e para todo, tamén no audiovisual participando na convocatoria de Queremos Galego para este 17 de maio.

Comentarios