A Mesa pola Normalización Lingüística saíu ao paso da declaración conxunta das plataformas de vídeo, en resposta ao debate sobre a futura lei do audiovisual do Estado, e manifestou a súa satisfacción perante a disposición de Netflix, Filmin e Prime Video a dobrar e subtitular os produtos do seu catálogo ao galego, euskera e catalán.
Porén, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, recordou que a lei debe garantir que, cando haxa versión dobrada, sexa en todas as linguas oficiais e estabelecer un período transitorio con incentivos até chegar a 100% da oferta. "Se é necesario", anunciou, "chamaremos á intensificar a mobilización para que o Goberno do Estado garanta para todas as linguas o que para o español garante desde 1941".
"A mobilización social, a recollida de sinaturas e as acción da Mesa perante institucións e partidos", dixo Maceira, "comezan a dar resultados, embora insuficientes".
O PP critica que se financie a dobraxe ás plataformas
As declaracións de Maceira coincidiron co día en que o presidente do PP, Pablo Casado, visitou Galiza da man de Alberto Núñez Feixoo. Nun acto en Abedongo, e a respecto deste debate, Casado preguntouse se "alguén entende que a negociación dos orzamentos sexa que teñamos que pagar cos nosos impostos plataformas estranxeiras para que produzan contidos en catalán".
Por que non se formula esta cuestión, preguntouse, "para promocionar o viño da Rioxa ou para que Netflix pendure unha reportaxe sobre o Camiño".
Nese sentido acusou o nacionalismo de negociar para "prexudicar "a liberdade de empresa" e o "prestixio internacional" da lingua e historia de España.
E todo, pese a existir unha petición unánime das forzas parlamentarias galegas, tamén o PP, para que a nova lei inclúa o galego nas medidas de protección da dobraxe, lexendaxe, das audiodescricións e do financiamento anticipado estabelecidas para o español.