Análise

O Congreso debate se poderá haber galego no audiovisual

O Congreso español debate mañá o Proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, analiza para Nós Diario a proposta. 
Manifestación de Queremos Galego pola lingua. (Foto de arquivo).
photo_camera Manifestación de Queremos Galego pola lingua. (Foto de arquivo).

Como se pode garantir o dereito a vivir en galego se no noso propio domicilio non o podemos usar para vermos filmes ou series sexa cal for a versión escollida? A quen pode molestar que queiramos gozar de audiovisual propio ou alleo na nosa lingua? Por que motivo as persoas de todas as idades e condicións que queremos vivir en galego non temos a mesma liberdade que a lei garante para o facer en español?

En maio de 2021, o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade a Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e avalada por máis de 33.000 sinaturas na que se solicitaba “que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda”. 

Lonxe disto, o Proxecto de Lei xeral de comunicación audiovisual presentado polo goberno español non recoñece na práctica a diversidade cultural e lingüística e non estabelece condicións mínimas de equidade para todas as linguas. Aliás, fica sen concreción ou limítase a recoller os mínimos aos que está obrigado, ou nen iso, pois non cumpre co que sinala a Directiva europea en relación á Convención da UNESCO da diversidade cultural. 

Diversidade lingüística

O recoñecemento da diversidade lingüística é só unha mención. Nada concretiza a plena disposición de galego, éuscaro e catalán. Permítese a incorporación destas linguas ao catálogo, mais só obriga á presenza do castelán, deixando ás demais nunha cota común a partillar tamén co español.

Accesibilidade

O Proxecto de Lei estabelece o acceso a lexendaxe, audiodescricións, páxinas web, aplicativos, información e guías electrónicas, linguaxe de signos e acceso para persoas con discapacidade. Sempre excluíndo o galego e outras linguas oficiais nos seus países desta posibilidade. Tanto é así que o control de lexendados e audiodescricións terá como única referencia o denominado Centro Español de Subtitulado y Audiodescriciones.

Dobraxe

Grazas á lexislación franquista vixente nos anos 40 que obrigaba a dobrar a español todas as proxeccións no cinema, a inmensa maioría de canles e plataformas teñen o 100% de opción de versión dobrada a español. O 0% en galego dá conta do que evoluíu a situación a favor do galego que fica á vontade das emisións na TVG.
Co español presente por defecto, para os outros idiomas parécelle abondo ao goberno español coa intención de promover e axudar ao lexendado e dobrado de producións audiovisuais e a inclusión nos catálogos de obras xa dobradas a linguas propias oficiais só se estiveren dispoñíbeis e for viábel, din. 
Reparemos en que custe medio de dobraxe dun filme está por volta do 8000€, cantidade ridícula en comparación co custe medio dunha produción de éxito comercial (3,5 millóns no Estado español).

Cotas e financiamento anticipado

Seguindo o que fixa a Directiva europea estabelecerase unha cota mínima de emisións ou catálogo sempre garantida para o español e condicionada para o resto de linguas.
Mentres Estados da UE, como o francés, fixan os máximos de cota de produción europea e francesa nas emisións, catálogos e financiamento, o goberno español optou pola porcentaxe mínima consciente de que a presenza do español ficará garantida sempre na dobraxe.
O Proxecto de Lei cingue o uso das linguas propias ao servizo público de comunicación audiovisual (TVE) e aos servizos de comunicación audiovisual televisivo a petición. O resultado final da porcentaxe sería dun 0% na chamada televisión lineal (as grandes canles estatais), dun 3,9% anual en TVE, e dun 6% para “algunha das linguas” cooficiais nas plataformas audiovisuais nas que en principio non entrarían as de maior volume: Netflix, HBO, Prime vídeo... e sen fixar un mínimo por lingua.
O mesmo acontece coa porcentaxe sobre os lucros que as fornecedoras de contidos deberán destinar a financiar novas producións. Serán as producións galegas, vascas e catalás quen leven as piores condicións de financiamento cunha porcentaxe para todas elas do 2,4% dos fondos destinados á produción sen se garantir nen un euro mínimo en calquera destas linguas.

Pódese mudar a lei a favor das linguas?

Pódese, e desde Galiza hai resposta no ámbito académico, do sector e da defensa da lingua. Hai uns días presentouse a Iniciativa polo audiovisual en galego, impulsada polo Grupo de estudos audiovisuais da USC, a Asociación de produtoras independentes (AGAPI), a Asociación de dirección e realización (CREA), a Asociación galega de guionistas (AGA), a Asociación profesional de actores e actrices da dobraxe (APRADOGA), a Asociación galega de tradución e interpretación (AGPTI) e a Mesa pola Normalización Lingüística. Xuntas presentaron aos diferentes partidos con representación de Galiza no Congreso español unha proposta de emendas  que evite que a nova lei continúe co apagón do galego no audiovisual nas próximas décadas. Mais, como acontece sempre cos avances a favor do galego, precisarase da mobilización de toda as sociedade para conseguilo.

Comentarios