O informe 'Xabarín 2023' da Mesa analiza a case nula presenza do galego na programación audiovisual

Marcos Maceira denuncia que a obriga de garantir oferta en galego para o público até 12 anos é saboteada polas compañías públicas e privadas estatais, "coa complicidade do Goberno español".
Cartaz da Mesa pola Normalización Lingüística durante unha manifestación (Foto: A Mesa).
photo_camera Cartaz da Mesa pola Normalización Lingüística durante unha manifestación (Foto: A Mesa).

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou en rolda de prensa esta quinta feira o Informe ‘Xabarín 2023’, no cal analiza a presenza do galego nos contidos infantís e xuvenís dos principais servizos audiovisuais de televisión.

Segundo este estudo, só a programación infantil e xuvenil da TVG garante unha mínima presenza do galego na grella das principais operadoras de servizos de televisión. No conxunto das operadoras analizadas (Movistar, Vodafone, R e Orange), o galego está presente un total de 2h e 25 minutos ao día, nas emisións da TVG2, un 0,83% do total de horas ofertadas.

Estes datos, unidos aos sociolingüísticos, confirman a necesidade e a urxencia da Iniciativa Xabarín que A Mesa espera que se comece a executar antes de setembro, tal e como lle indicaron desde a dirección da CRTVG.

"O audiovisual é un sector estratéxico do punto de vista lingüístico, social, cultural e económico", recordou na presentación do informe o presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira.

"É fundamental para a pervivencia do idioma que, desde Galiza, o Goberno galego se implique en asegurar máis e mellores contidos audiovisuais no idioma propio", asegurou, "nomeadamente para a infancia e a mocidade, pondo todos os medios ao seu alcance". "A infancia e a mocidade galega precisan a referencia e o espazo audiovisual para poder usar o galego", sentenciou Maceira.

En relación ás plataformas audiovisuais de ámbito estatal,  na pública RTVE Play a oferta infantil é de 0% mentres a xeral é de 0,53% con 4 filmes en versión orixinal en galego mais que nun caso (Cuñados) non se pode ver nesta versión e noutro (A illa das mentiras) resulta imposíbel acceder aos diálogos. No resto de pltaformas a oferta en galego é de 0%, execpto en Filmin, que conta con versións lexendadas ou dobradas en 0,30% do seu catálogo xeral e 0,74% do infantil, explican desde A Mesa.

No conxunto de plataformas estatais a presenza do galego é de 0,18% no catálogo xeral e do 0,28% do infantil e xuvenil. Nas plataformas internacionais é onde maior incidencia tiveron as campañas sociais desenvolvidas pola Mesa pola Normalización Lingüística.

Con todo, o galego só conta con opcións dobradas ou lexendadas en Netflix e Prime video. Netflix, con 1,89% sería a única plataforma que malia non ter obrigas cumpriría os mínimos legais respecto ao galego que si teñen as plataformas estatais. No conxunto das tres analizadas (Netflix, Prime video e HBO), o galego estaría en 0,92% do catálogo xeral e en 1,1% do infantil.

Maceira denuncia que a obriga de garantir oferta en galego para o público até 12 anos é saboteada polas compañías públicas e privadas estatais, "coa complicidade do Goberno español".

"Todas as operadoras e plataformas de servizos televisivos seguen o exemplo da canle pública CRTVE", asegura, "incumprindo a lexislación audiovisual e nin emiten nin dispoñen de oferta en galego malia que segundo a Lei xeral de comunicación audiovisual  tería que ser de 2,5 % da programación e de 1,5% catálogo de TVE e dos contidos das fornecedoras de servizos audiovisuais televisivos de ámbito estatal".

"Na oferta audiovisual", lamenta Maceira, "semella que galego non ten ningún status legal e que a oficialidade non existe". "Que despois de 40 anos de lei de normalización lingüística aínda teña que ser a sociedade quen se mobilice para conseguir avances encanto os poderes públicos boicotean os seus propios acordos", denuncia, "é indicativo da pervivencia do desprezo polo galego".

"Aos responsábeis públicos do goberno español e de RTVE non lles dá vergoña que corporacións como Netflix ou Amazon atendan máis as reclamacións cidadás e do parlamento galego?" cuestiona Maceira.

Comentarios