Marcos Maceira, presidente da Mesa: "Hai moita máis conciencia na defensa da lingua hoxe da que había hai 40 anos"

Após a asemblea xeral da Mesa pola Normalización Lingüística decorrida o pasado sábado, 1 de abril, Marcos Maceira volverá afrontar unha nova etapa á fronte da entidade que se consolidou como "a grande asociación do galego". Nós Diario conversa do presidente da Mesa ante un novo período defendendo a lingua galega. 
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: A Mesa)
photo_camera Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: A Mesa)

Esta fin de semana decorreu a asemblea xeral da Mesa pola Normalización Lingüística. Que valoración fai do traballo realizado pola asociación nos últimos anos?
Fixemos moitas iniciativas orientadas a repor o galego naqueles espazos onde está excluído. Hai anos fixemos a ILP para conseguir que o galego teña presenza no ámbito socioeconómico, garantíndolle as mesmas posibilidades que o español, e as mesmas opcións.

Recentemente levamos a diante a Iniciativa Xabarín, mantivemos o proxecto da Liña do Galego para garantir en funcionamento o único servizo que atende queixas e consultas en relación cos dereitos lingüísticos.

Mantivemos tamén o Abertos ao galego en relación coas empresas... En definitiva, fixemos un traballo moi variado, en moitos ámbitos, sempre con esa orientación de repor o galego en todos os espazos de onde está excluído.

Temos que ter en conta que, ademais, isto fixémolo con recursos propios da mesa, orixinados nas socias e nos socios, e que houbo moi escaso apoio institucional, nomeadamente, por parte da Xunta da Galiza, aínda que si fixemos colaboracións con algúns Concellos e Deputacións.

A valoración que facemos é positiva, pero podería ser moito mellor. Porén, para iso teríamos que ter máis recursos e máis socias e socias. Nesta asemblea, de maneira colectiva, analizamos que precisamos ser máis para traballarmos mellor.

Instamos a todo o mundo que apoia o galego e que está a favor do galego, que cre que fai falta unha asociación como a Mesa, a principal entidade de defensa do galego que hai na Galiza, a que se faga socia e apoie directamente todo este traballo que desenvolvemos.

Un dos “éxitos” da Mesa dos que fala é a Iniciativa Xabarín. Como está a ser aplicada esta proposta?
Até o momento déronse pasos moi tímidos nalgún aspecto, en relación á difusión de contidos infantís e xuvenís na CRTVG. Mais falta o esencial, que é contar con aplicacións para visualizar os contidos en calquera tipo de dispositivo. Falta tamén contar coa Canle Xabarín, en todas as operadoras de televisión, e contar definitivamente cunha aplicación da TVG que permita acceder a todos estes contidos en calquera momento.

Isto aínda non se concretou. Segundo informacións da propia CRTVG, o paquete de contidos Xabarín xa está en camiño, e estaría dispoñíbel antes do mes de setembro. Agardaremos a que isto se concrete; de non ser así, a Mesa tería que retomar actuacións en relación á Iniciativa Xabarín. Hai case dous anos que se aprobou e, realmente, é unha urxencia para moitas familias e para moitas crianzas da Galiza.

O galego é practicamente a única lingua que ten status de cooficialidade no Estado que non conta cunha oferta de produtos audiovisuais infantís e xuvenís fornecidos desde o propio país. Isto é esencial, sobre todo se temos en conta que no ensino hai unha situación de emerxencia lingüística en relación coas competencias lingüísticas do alumnado. Se a isto lle sumamos a exclusión do galego nas actividades extraescolares e o impedimento ao acceso aos contidos audiovisuais, a situación agrávase.

A situación da lingua galega non permite agardar moito máis tempo. Reclamamos que se teña en conta a urxencia de que a Iniciativa Xabarín se aplique.

A Liña do Galego, outro dos proxectos que menciona, recibiu no ano 2022 máis de 1000 queixas, consultas ou parabéns relacionados co uso da lingua galega. Perciben un aumento da tendencia da poboación galega a querer vivir en galego?
Hai moita máis conciencia hoxe da que había hai unhas décadas, en relación coa situación da lingua e coa vontade de querer repor o galego en todos os ámbitos nos que está ausente. É evidente que non se garante o dereito da poboación galega a desenvolver unha vida plenamente en lingua galega, en todos os espazos e en todas as situacións.

Isto notámolo no nivel de uso da Liña do Galego, que é, como dicía, o único servizo que se ofrece neste país para facer reclamacións a respecto dos dereitos que temos, ou que non temos. É ademais un servizo que non ten ningún tipo de apoio por parte da Xunta da Galiza, aínda que ás veces fagamos trámites que debería facer o Executivo galego, que é quen ten as competencias. Os poderes públicos deberían asumir estas tarefas.

Porén, aínda que aumente a conciencia sobre a situación do galego, non aumenta o número de falantes.

Efectivamente, a lingua galega leva décadas perdendo falantes. A que atribúen este feito?
Hai unha serie de circunstancias históricas que provocaron a exclusión da lingua galega. Aínda que hai 40 anos que o galego é lingua oficial na Galiza, na práctica non se realizan accións para situar o noso idioma ao mesmo nivel que o español, sobre todo no aspecto legal. Isto mantén unha situación de exclusión; habendo moita máis oferta que hai 40 anos en moitos ámbitos e en moitos aspectos, o galego ten tamén maior exclusión en todos os ámbitos que foron aparecendo nestas décadas.

Poñamos por exemplo o caso do audiovisual: por parte dos poderes públicos non se actuou para que o galego tivese unha situación, como mínimo, de igualdade co español, para que exista unha oferta semellante en todos os niveis e en todos os espazos.

O galego, por desgraza, non está presente en todos os ámbitos, moitas veces por impedimentos de tipo legal. Existen problemas, denunciados na Liña do Galego, mesmo con Administracións públicas, do Estado. Por exemplo, menos de 1% dos trámites xudiciais son en galego, e a oferta da televisión na TDT é inferior a 4% para os produtos infantís e xuvenís. No ensino hai unha exclusión do galego a través do Decreto do plurilingüismo e a través doutras accións como os libros dixitais que promove a Xunta e que exclúen o galego en aínda máis materias.

Vímolo tamén recentemente coa aprobación da lei do audiovisual. As porcentaxes obrigadas de cotas de emisión para o galego son mínimas, nunha porcentaxe moitísimo máis baixa que o español.

Esta desigualdade incide na sociedade e axuda a que se manteñan determinados prexuízos. Contribúe, en definitiva, a que continúe o descenso no número de falantes.

Non obstante, e a pesar de todos estes atrancos, segue a chamar á atención que o galego continúe a ser unha lingua viva e que sexan cada vez máis as persoas que avoguen por repor o noso idioma naqueles ámbitos nos que está excluído. Existe, polo tanto, un pobo que é capaz de manter a súa lingua a pesar de ter todo en contra.

Pero a vontade dun pobo non é suficiente, fai falta a implicación das Administracións públicas.

Após unha nova asemblea xeral, aumentan a presenza das diferentes zonas na súa xunta directiva. Que importancia ten a representación territorial na súa xunta directiva en relación coa defensa da lingua galega?
Tena toda, desde o punto de vista da lingua e desde o punto de vista de ser unha entidade social que precisa presenza territorial para levar adiante todas as iniciativas. A lingua ten que estar presente en todas as comarcas e en todos os estratos, independente da idade, da clase social, e dos espazos.

A implantación territorial da Mesa xa deu os seus froitos. Por exemplo, unha iniciativa comarca, que en breve estenderemos ao resto do país, levada a cabo en Terra de Lemos. Repartir material nos servizos de pediatría para garantir que tamén o galego existe neses servizos destinados á infancia. Tamén reclamar dunha maneira máis lúdica que os servizos de pediatría empreguen o galego coas crianzas. Este é un exemplo de accións locais ou comarcais que teñen éxito.

Que traballos se propón a Mesa levar a cabo nesta nova etapa?
Continuaremos a insistir naquelas cuestións que funcionan, que son, ao mesmo tempo, necesidades sociais e que lle dan sentido á propia existencia da mesa. Son, por exemplo a Liña do Galego e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos; a nivel social percíbese a necesidade da súa existencia.

Manteremos tamén e intentaremos consolidar un proxecto como Abertos ao Galego, destinado a empresas. Ten neste momento máis de 100 empresas e edita un catálogo no Nadal que é agardado por moita xente para facer as súas compras.

Tamén desenvolveremos iniciativas con esa idea de que o galego estea en todo e para todo, retomando, se é necesario, a Iniciativa Xabarín. No ámbito do ensino, para intentar que se derrogue dunha vez o Decreto que está a causar tantos estragos na situación do galego entre a xente moza, xerando datos tan alarmantes como que o 24% dos menores de 15 anos non son capaces de falar galego.

Tamén na Administración, colaborando con Concellos para informar, por unha banda, dos dereitos lingüísticos da poboación e, por outra, para que as propias Administracións locais cumpran uns mínimos en relación ao uso da lingua galega.

Comentarios