A Xunta recoñece contactos con concesionarias do transporte para revisar prezos dos contratos

Algunhas das concesións do transporte por estrada galego están a ser investigadas pola Xustiza.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta quinta feira. (Foto: Conchi Paz)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta quinta feira. (Foto: Conchi Paz)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu que existen reunións con empresas concesionarias do servizo de transporte por estrada para explorar a posibilidade de revisar prezos dos contratos co obxectivo de realizar "axustes".

A preguntas dos medios esta quinta feira tras o Consello da Xunta, o mandatario afirmou que el mesmo participou no primeiro destes contactos, aos que non se deu publicidade no que encadrou nunha práctica habitual no funcionamento do traballo do Goberno galego. "Hai moitas reunións, a algunhas se lles dá publicidade e a outras, non", apostilou.

No devandito encontro, continuou, as empresas concesionarias trasladaron as "dificultades" que carrexou o incremento de custos pola prestación duns contratos "que se acordaron nun momento no que a inflación estaba case a cero".

"Agora os custos son moi diferentes", engadiu Rueda, antes de apuntar que isto "repercute" no "equilibrio" das concesións. "A necesidade de equilibrar as concesións está encima da mesa", aseverou o presidente, quen, en todo caso, afirmou que non existe ningún acordo.

O presidente galego remarcou que estas reunións "existen" no transporte como tamén "noutros sectores" e que son "comprensíbeis", mais que non poden implicar "incumprir" o asinado.

Nova folga no sector

O pasado fin de semana, a CIG, CCOO e UXT anunciaron a convocatoria de folga, para os días 27 e 28 de abril, no sector do transporte por estrada de toda a Galiza para denunciar a paralización na negociación dos convenios, a situación precaria do servizo (tanto no relativo ás condicións laborais como á propia prestación do servizo) e os reiterados problemas de seguridade que presentan os vehículos.

Xunto a isto solicitaron a convocatoria da Mesa Galega anunciaron que, de non se atender as súas demandas, tamén convocarán unha folga indefinida a partir do día 8 de maio. Critican a postura intransixente da patronal, que pretende “liquidar a negociación cunha suba miserenta do 0.8% para os anos de vixencia dos convenios.

As concesións, no punto de mira da Xustiza

Mentres tanto, a xestión do transporte público por estrada segue no punto de mira. O Xulgado Nº1 de Santiago de Compostela acordou a comezos deste mes incoar "dilixencias previas por un delito de prevaricación administrativa" contra Ignacio Maestro Saavedra, director xeral de Mobilidade da Xunta da Galiza desde 2017. 

Nós Diario informou previamente da admisión a trámite desa denuncia presentada pola Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros de Galicia (Galibus). O auto no que se acorda abrir dilixencias foi emitido o 27 de marzo e asinado pola maxistrada titular da citada sala, Ana López-Suevos.

Tamén a finais de marzo, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ordenaba á Comisión Galega da Competencia que incoase un expediente sancionador contra Monbus e Alsa "por indicios de poder repartirse o mercado" na concorrencia das concesións en 2020.

Comentarios