A Mesa celebra a súa asemblea xeral consolidada como "a grande asociación do galego"

A “asociación do galego” fixou na mañá deste sábado as súas liñas de traballo.

Integrantes da nova directiva da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: A Mesa)
photo_camera Integrantes da nova directiva da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: A Mesa)

No informe económico aprobado, A Mesa destaca que “máis do 70% do seus ingresos proceden das achegas das 4.000 socias e socios que garanten a estabilidade, independencia e forza da asociación” na defensa e promoción da lingua galega.

A asamblea avaliou, tamén, “positivamente” a consolidación dos dous grandes proxectos da entidade: Abertos ao Galego, que incrementa cada ano o número de empresas adheridas ao seu “certificado de compromiso lingüístico”, e a Liña do Galego, o único servizo existente en Galiza para a tramitación de queixas, consultas ou parabéns relacionadas cos dereitos lingüísticos que no pasado ano 2022 superou as 1000 xestións realizadas, segundo datos da propia Mesa.

Plan de traballo

Dentro do plan de actividade para os anos 2023 e 2024, a asemblea xeral da Mesa aprobou accións contra a “deturpación da toponimia galega” nos mapas dixitais ou a participación na demanda contra o Instituto Xeográfico pola resolución que modifica o nome da ría de Ribadeo. Tamén desenvolverá accións contra a “exclusión do galego” nos resultados das procuras en Google.

Ademais, a Mesa seguirá a manter a presión para que dea cumprimento á Iniciativa Xabarín tal e como foi aprobada no Parlamento, para que as compañía aseguradoras cumpran a lexislación no referido ao uso do galego e desenvolverá accións xuntoa os concellos para “garantiren os dereitos lingüísticos na Administración local”.

Directiva anovada

A Dirección da Mesa eleita na Asemblea fica, após o decorrer da asemblea xeral, constituída por Marcos Maceiras, como presidente; Elsa Quintas, vicepresidenta; Celia Armas, secretaria xeral.

Súmanse a este equipo Carlos García, Ana Paz, Diego Bará, Xosé Manuel Fernández, Lois Neto, Manuel María Carniceiro, Mónica Pazos, Paulo Filgueiras, Xosé María Cotelo e Lucía Barreiro.

 

Comentarios