O efecto normalizador do audiovisual no ensino, a debate nas III Xornadas de Normalización Lingüística

Compostela acollerá o vindeiro 21 de xaneiro a terceira edición das Xornadas de Normalización Lingüística impulsadas pola AS-PG, a CIG-Ensino e A Mesa pola Normalización Lingüística.
A capacidade do alumnado ao finalizar o ensino obrigatorio para se expresar en galego está a diminuír, segundo distintos estudos. (Foto: Arxina).
photo_camera A capacidade do alumnado ao finalizar o ensino obrigatorio para se expresar en galego está a diminuír, segundo distintos estudos. (Foto: Arxina).

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), A Mesa Pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino organizan o vindeiro sábado, 21 de xaneiro, en Compostela, as III Xornadas de Normalización Lingüística, unha iniciativa herdeira das Xornadas de Lingua e Literatura Galega, moi próximas ao profesorado destas materias e ao seu traballo de dinamización. 

Mais "a normalización da lingua nos centros educativos non se pode relacionar só cos docentes de lingua e literatura galega senón que é algo transversal, unha responsabilidade de todo o claustro", afirma a Nós Diario o secretario xeral da CIG-Ensino. Esta convicción, asegura Suso Bermello, foi a que deu pé as xornadas de normalización lingüística, que este ano, na súa terceira edición, van xirar arredor do audiovisual, un asunto moi relevante en 2022.

A Iniciativa Xabarín e a Lei do audiovisual ocuparon o centro do debate público ao longo do ano pasado. "Era o momento oportuno para levar esa discusión ao ámbito do ensino e coñecer a implicación que ten dentro das aulas". Así, apunta Bermello, as xornadas contarán cunha parte máis práctica de creación audiovisual e repaso de distintas experiencias normalizadoras e con outra anterior de análise: da Iniciativa Xabarín, a cargo da vicepresidenta da Mesa, Celia Armas; do traballo coa lingua que están a desenvolver as tradutoras de dobraxe e subtítulos da serie O poder dos aneis e da pluralidade lingüística na plataformas de televisión, a través do relato de Paul Bilbo, de Euskalgintzare Kontseilua, Francesc Marco, de Plataforma per la Llengua e Marcos Maceira, presidente da Mesa.

O español, omnipresente

En declaracións a este xornal, Marcos Maceira alude á "exclusión do galego nas aulas" que vén a confirmar un informe tras doutro. "Polo menos en canto a resultados, porque todos conclúen que cada vez hai menos capacidade entre o alumnado para empregar o galego".

Isto, di, ten relación directa co decreto do plurilingüsmo "mais tamén coa ausencia de galego en calquera dos ámbitos de consumo e relación social da rapazada. E o do audiovisual é un deles". Aí tamén se observa a exclusión do galego. "Só hai que ver o número de filmes en versión orixinal, dobrados e lexendados en galego dispoñíbeis, en comparación cos que hai en español, ademais do compromiso do Goberno autonómico co sector, en forma de axudas".

A situación mellorou "un pouquiño" a raíz da Iniciativa Xabarín, para reforzar a programación infantil e xuvenil en galego, que segue a dar os seus primeiros pasos, e da Lei do audiovisual, que A Mesa pelexou canda a outras entidades lingüísticas do Estado. "Mellorou nalgunha plataforma como Netflix, cuxo catálogo en galego se pode consultar a través de pipocas.gal, pero todo isto non pode depender só do activismo social. Ten que haber un maior compromiso dos poderes públicos para conseguir un mínimo de igualdade no audiovisual para todas as linguas".

Neste sentido, aclara, a CRTVG está a dar os primeiros pasos para reforzar a súa oferta dirixida á cativas, "aínda que faría falta maior decisión". Máis alarmante, di, é o caso de TVE "que seis meses despois aínda non ten un só filme en galego para menores de 12 anos a pesar de que a lei é moi clara nese aspecto".

Experiencias normalizadoras

O ensino, di Maceira, é un elemento central pero non está illado da sociedade. Se o galego fica fóra das aulas e fóra da sociedade "o resultado é o que estamos a ver". Pero todo pode mudar, anima, "con activismo e corresponsabilidade das entidades públicas". De momento, engade Bermello, "no ensino hai unha cantidade impresionante de xente traballando pola lingua" a través do audiovisual.

Son exemplo o Proxecto Olloboi, Youtubeir@s, Xelminovas ou o concurso de Curtas da AS-PG, que en 2022 fixo 12 anos. "Naceron co obxectivo de levar ao audiovisual calquera aspecto relacionado coa obra, época ou figura de Rosalía no 125 aniversario da súa morte", explica a catedrática de Lingua e Literatura Galega Anxa G. Refoxo. Tras a primeira edición ampliaron a temática e acabaron por crear unha categoría propia para as escolas, mais a literatura segue a ser o obxecto específico.

Comentarios