Nova protesta do persoal dos medios públicos diante do Parlamento demandando unha CRTVG "pública e plural"

Continúan as protestas das e dos traballadores da corporación exixindo a fin dos "abusos" e da "manipulación".
Concentración de traballadoras e traballadores dos medios públicos diante do Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concentración de traballadoras e traballadores dos medios públicos diante do Parlamento. (Foto: Europa Press)

Traballadores e traballadoras da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) concentráronse esta sexta feira ás portas do Pazo do Hórreo, coincidindo co decurso da comisión de control do ente público, para volver denunciar os "abusos" e a "manipulación" exercida desde a dirección, nunha nova xornada de protestas que, neste caso, coincide cun 'Venres negro', o número 254 desde que comezou o movemento 'Defende a Galega' na primavera de 2018.

Esta protesta ten lugar unha semana despois de que, no marco das mobilizacións que convoca o comité de empresa, decorresen dúas xornadas de folga seguidas e que, entre outras cuestións, obrigaron a suspender programacións como Luar cun seguimento de perto de 26%, segundo as cifras achegadas.

Con consignas dirixidas ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez-Izquierdo, un grupo de representantes do cadro de persoal concentrouse a partir das 9.30 horas desta sexta fronte ao Parlamento. "Izquierdo, escoita, a tele está en loita. Izquierdo, escoita, a radio está en loita", corearon os traballadores, dirixíndose ao máximo responsábel dos medios públicos, xunto a aclamacións como "Non á manipulación", "Rueda atende, a tele non se vende; Rueda, escoita, a radio está en loita" ou "CRTVG, pública e plural".

En declaracións aos medios durante a protesta, o representante do comité de empresa, Tiago Alvite, lamentou que "11 anos despois" a lei da CRTVG "segue sen cumprirse", incluída, denuncia, a remuda do director xeral da compañía, nomeado na primeira lexislatura de Alberto Núñez Feixoo.

Os traballadores e traballadoras, que entre outras cuestións reclaman tamén a volta á xornada de 35 horas semanais, denuncian os movementos de compañeiros entre as radio e a televisión ou a edición dixital. "É evidente que non é un movemento empresarial que teña que ver coa optimización dos servizos; é todo o contrario, os traballadores que teñen unha experiencia longa na radio e pasan á televisión están a dicir que están perdidos e que non poden facer o traballo porque unha cousa é ter a capacidade e outra adquirir destreza e competencias, e iso faise co tempo", advertiu Alvite.

O comité de empresa alerta de que estes cambios prodúcense "nun contexto de denuncia da manipulación informativa, do desmantelamento dos medios públicos e a represalia e castigo que se manifesta contra todo iso".

Comentarios