'En galego, aquí e agora', o lema para os actos deste 17 de maio

A plataforma Queremos Galego convoca mobilizacións nas sete cidades e vilas
Presentación dos actos para este vindeiro 17 de maio (Foto: Queremos Galego).
photo_camera Presentación dos actos para este vindeiro 17 de maio (Foto: Queremos Galego).

A Plataforma Queremos Galego, formada por máis de 500 entidades de todo tipo, presentaron onte a convocatoria dos actos que decorrerán o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas.

A plataforma anunciou que este ano as manifestacións levaranse a cabo nas sete cidades galegas e nalgunha outra comarca, como na Mariña ou na Terra de Lemos, e que o seu lema será ‘En galego, aquí e agora’. Así o afirmou onte nunha rolda de prensa o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, quen afirmou que a convocatoria descentralizada permite “destacar o protagonismo dos concellos no seu papel normalizador fronte ao desleixo do resto de poderes públicos”, nomeadamente a Xunta e o Goberno español. 

A extensión das mobilizacións ao conxunto do país coincide coas eleccións municipais que se celebrarán a semana seguinte ao 17 de maio. Neste contexto, Maceira denunciou que “por primeira vez en décadas, hai partidos políticos que están a desenvolver a precampaña electoral con carteis e anuncios en castelán”. Isto, asegurou, “é un indicativo negativo do desprezo que teñen da lingua propia do país e que se engade á situación actual de emerxencia lingüística”.

A plataforma advertiu desta emerxencia lingüística cando se cumpren 40 anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, “que destacou máis polo desleixo, a pasividade ou o boicot directo das Administracións que pola vontade destas por reparar, repor e normalizar a lingua que une galegas e galegos", mantivo Maceira.

Reclamar a "oficialidade real"

Por este motivo, sinalou que a entidade leva estas catro décadas reclamando a oficialidade real da lingua para poder acceder á atención de servizos, a contidos audiovisuais, ao ensino e á xustiza en galego, e para que “a cidadanía que queira desenvolver calquera acto da vida cotiá na súa lingua non sexa atope dificultades”.

Por outra parte, destacou que “resulta incríbel e esperanzador que aumente o número de persoas que insisten en vivir en galego e en transmitilo a pesar de todas esas dificultades”. Maceira engadiu ao respecto que “esta conciencia reparadora é a que está a garantir a existencia da nosa lingua” mais puntualizou que “só con isto non chega, pois precisamos que os poderes públicos cumpran coas súas obrigas”.

Comentarios