'Galegofobia' na CRTVG: os comentarios contra o galego de dous tertulianos da Radio Galega

Non todo foi celebración e reivindicación este Día das Letras Galegas. No faladoiro da mañá da Radio Galega, no programa 'Galicia por Diante', dous dos participantes cuestionaron a "utilidade" da lingua galega e criticaron a súa "imposición".
Un instante do programa 'Galicia por Diante' da Radio Galega (Foto: CRTVG).
photo_camera Un instante do programa 'Galicia por Diante' da Radio Galega (Foto: CRTVG).

Como cada 17 de maio, Día das Letras Galegas, esta cuarta feira a sociedade galega celebrou a súa lingua e a súa cultura nunha xornada festiva que serviu para visualizar os problemas que o galego sofre actualmente e reivindicar o dereito a vivir de modo pleno en lingua galega. Convocadas pola plataforma Queremos Galego, millares de persoas saíron á rúa en defensa do galego en até nove localidades do país que non só celebraron as letras galegas, senón tamén a figura do homenaxeado este 17 de maio, Francisco Fernández del Riego.

Non todo foi celebración e reivindicación este Día das Letras Galegas. No faladoiro da mañá da Radio Galega, no programa 'Galicia por Diante', dous dos participantes cuestionaron a “utilidade” da lingua galega e criticaron a súa “imposición”, até o punto de mentir afirmando que a meirande parte das materias nos centros de ensino son impartidas en galego. Denunciouno, a través das redes sociais, o colectivo Defende a Galega. 

María Jamardo, xornalista en El debate e quen fora presidenta do partido Sociedad Civil y Democracia (SCD), partido fundado polo empresario e político Mario Conde, que foi condenado a 20 anos de prisión por delitos de estafa e apropiación indebida, asegurou que “non se poden impor a linguas como elemento distorsionador da convivencia social”.

Para alén diso, Jamardo cuestionou a utilidade da lingua galega ao dicir que “o inglés é un idioma internacional que se emprega en todas as disciplinas profesionais hoxe en día e o galego é unha lingua territorial e moi concreta que se pode empregar na Galiza pero que non a podes empregar en ningún outro lugar do mundo”.

Non é a primeira vez que Jamardo, que tamén traballou para o medio OK Diario, crea polémica nas redes sociais coas súas declaracións. En abril do ano pasado, asegurou en Telecinco acerca dos bormbardeos de Gernika que “nin o que bombardeaba era malo nin os que eran bombardeados eran tan bos”. Un extremo que levou a presentadora do programa de televisión español a se desculpar, ao día seguinte, coa audiencia.

Pola súa parte, o xornalista Pablo Acción tamén causou controversia cos seus comentarios ao asegurar que “temos que afastarnos de imposicións que non conducen a nada, porque non se pode impor por decreto. Isto só conduce a que certa xente lle colla xenreira ao galego”.

Estes comentarios contradín os datos que se veñen publicando nas últimas datas e que apuntan a unha regresión clara no uso da lingua por parte da cidadanía galega. Tal e como comentaba en conversa con Nós Diario a xornada anterior ao 17 de maio o portavoz da plataforma Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira “Estamos nunha situación de emerxencia lingüística. O galego perde falantes e non está presente en todas as parte da vida social. Ademais, estamos nun momento en que a competencia lingüística no uso do galego é a máis reducida en toda a historia da lingua”.

Defende a Galega

Desde o colectivo de profesionais da Radio e Televisión da Galiza Defende a Galega, criticaron estes comentarios por parte de Jamardo e Acción a través da súa conta na rede social Twitter. “Dúas persoas que colaboran coa Radio Galega como tertulianas fan uso do discurso galegófobo que fala de imposición da lingua, cando a CRTVG foi creada precisamente para fomentar o uso do noso idioma propio”, sinalan.

Precisamente sobre este punto, a Lei de creación da Compañía de Radio Televisión de Galicia de 1984 sinala no seu apartado 1.1 que se “atribúe á Compañía de Radio-Televisión da Galiza a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso aos distintos xéneros de programacións e aos eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a todos os segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega realizadas pola devandita Compañía”.

Comentarios