A quinta xornada de folga na CRTVG afecta programas como 'A Revista' e volve ameazar o 'Luar'

A dirección da corporación e o comité intercentros difiren nos datos de seguimento: 26% segundo a CRTVG, 70% nas contas dos traballadores.
Protesta do persoal da CRTVG esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta do persoal da CRTVG esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)

A quinta xornada de folga na CRTVG afectou de forma notábel a programación desta sexta feria, concretamente a programas como A Revista, Atmosféricos, os Deportes ou o Diario Cultural, entre outros. O seguimento, segundo os datos oficiais achegados pola corporación de medios públicos da Galiza, é de 26,1%.

O presidente do comité intercentros, Tiago Alvite, sinalou en declaracións á axencia Europa Press que, alén dos xa citados, os traballadores poden "certificar" que "caerán" tamén ZigZag e Luar, suspendido noutra protesta anterior do persoal da TVG.

No que atinxe ao seguimento, o comité e a dirección da corporación pública difiren nas cifras. Os primeiros aseguran que, "como en xornadas pasadas", a participación no paro fica por riba de 70%. "Unha vez máis cae a programación non esencial, redaccións baleiras e alta participación", apunta Alvite.

A dirección da CRTVG, pola súa parte, afirma que o seguimento, na quenda de mañá, tanto en San Marcos (Santiago de Compostela) como nas delegacións, foi de un cuarto do cadro de persoal total (26,1%). "O que supón que máis de 73% do persoal non secundou a folga", indican.

Aliás, a corporación reafirmouse no "carácter político" destas convocatorias de folga, "máxime cando, como sinalan os escritos publicados por forzas sindicais convocante,  esta non é unha folga laboral".

Esta convocatoria de folga súmase a outras mobilizacións que xa protagonizaron os traballadores e traballadoras, como a manifestación que reuniu en novembro a miles de persoas baixo o lema 'Por unha CRTVG ao servizo do pobo', concentración convocada polo comité intercentros da corporación para denunciar o que cualifican de "secuestro" informativo por parte da Xunta.

E esta mesma madrugada, coincidindo co arranque da campaña electoral de cara aos comicios municipais do 28 de maio, un grupo de profesionais dos medios públicos concentrouse en Santiago para protestar polos "abusos" irrompendo no acto inaugural de Alfonso Rueda, que apoiou en Santiago o candidato local, Borja Verea.

Comentarios