Día das Letras Galegas

Queremos Galego enche as rúas da Galiza nun 17-M marcado pola campaña electoral

Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Monforte e Foz acolleron as mobilizacións deste Día das Letras Galegas.
Mobilización convocada por Queremos Galego na Coruña . (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización en Vigo, este 17 de maio. (Foto: Queremos Galego)

Rúas das sete grandes cidades galegas e das vilas de Monforte (na comarca de Terra de Lemos) e de Foz (na Mariña) volvéronse encher este 17 de Maio, Día as Letras Galegas, baixo a reclamación de "poder vivir en galego" e sen que nesta ocasión pase por alto a coincidencia coa campaña electoral. 

As manifestacións e as concentracións, convocadas pola plataforma Queremos Galego baixo o lema 'En galego, aquí e agora', arrincaron ás 12 horas para pór en valor o "papel normalizador" dos concellos en relación co uso da lingua galega. Miles de persoas saíron onte ás rúas facendo visíbel un compromiso cun idioma que, segundo a plataforma, se atopa nunha situación de "emerxencia lingüística".  

A pesar da "pasividade, cando non da oposición, das institucións, nomeadamente daquelas que teñen obriga de promover e defender" a lingua galega, cada vez son máis as persoas que se mobilizan nunha cita anual que é reivindicativa e festiva a partes iguais. Unha xornada na que a poboación galega celebra os avances para a lingua conseguidos pola acción do movemento social ao mesmo tempo que reclama que se garantan os seus dereitos lingüísticos. 

Así, a conciencia social sobre a lingua e a vontade de repola e normalizala fíxose patente onte nas rúas das grandes cidades da Galiza. "Estar aquí hoxe é unha cuestión de dereitos e de identidade", afirmou a Nós Diario Sofía Ribas, unha moza barbancesa que asiste cada ano á mobilización que Queremos Galego convoca en Compostela. "Cando me atende o médico, faino en español. Cando preciso facer un trámite administrativo, o funcionariado público fálame en español. Existen empresas que prohiben ao seu persoal falar en galego. Isto pasa en pleno ano 2023. Aínda hai moitos dereitos lingüísticos que gañar", engadiu.

Na mesma liña, Paz Castro, que participou na manifestación de Vigo, recordaba onte como hai 40 anos se burlaban dela na escola "por falar en galego, chamábanme la galleguita". "E a día de hoxe a cousa non cambiou moito: o galego estúdase nos centros de ensino pero non se fala, e na Administración a súa presenza é mínima. Por iso é importante que nos fagamos ouvir neste 17-M, pero tamén os 365 días do ano", declarou Castro a Nós Diario.

Fenda xeracional

Tamén no ámbito do ensino, Candela López, que asistiu á concentración de Queremos Galego en Monforte, bota en falta a presenza da lingua galega. "Eu son nai dunha desas crianzas que comezan a falar galego na casa e, cando comezan a ir á escola, volven falando en castelán", afirmou a Nós Diario. López decidiu mobilizarse onte, Día das Letras Galegas, "para reclamar unha maior presenza do galego en todos os espazos da vida pública. Porque se queremos que esta lingua siga existindo temos que usala en todos os espazos nos que poidamos, e neste sentido é necesario que as Administracións teñan un maior compromiso coa lingua".

Á "ausencia" do galego nas escolas que menciona López, súmase a escasa oferta de recursos audiovisuais para crianzas –menos de 4% dos produtos infantís e xuvenís da TDT son en lingua galega– e levan a evidenciar, máis que nunca, a existencia dunha fenda xeracional nas persoas galegofalantes. Por primeira vez na historia, un de cada catro adolescentes menores de 15 anos non son capaces de expresarse na lingua propia da Galiza, fronte a 75% das persoas maiores de 65 anos que son galegofalantes. "Precisamos máis recursos, para que as familias que queremos criar as nosas fillas conscientemente en galego poidamos facelo", reclamou López onte en Monforte. 

Máis galego na vida pública

Cando están a piques de facerse 40 anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, Queremos Galego aproveitou esta conmemoración para denunciar que a presenza e a dispoñibilidade do galego en todos os espazos da vida pública aínda non están garantidos, principalmente polo "deixamento" dos poderes públicos que ostentan esa responsabilidade. "É a sociedade en solitario quen reacciona á emerxencia lingüística para revertela porque a lingua galega non ten que a defenda na Xunta da Galiza", sentenciaba Marcos Maceira, voceiro nacional da plataforma, en declaracións aos medios previas ao arranque da marcha de Compostela. 

"O presidente que se manifestou polas nosas rúas contra a lingua que nos une", lamentou, "prefire manterse submiso e compracente con quen odia a Galiza e o galego antes que servir fielmente os intereses do pobo ao que lle debe o cargo". Maceira fixo estas declaracións en referencia á manifestación convocada pola asociación Galicia Bilingüe no ano 2009 en Compostela "contra a imposición lingüística", á que asistiron, entre outros dirixentes do Partido Popular, o agora presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ou a deputada e secretaria do Parlamento galego, Corina Porro.

Ás declaracións de Marcos Maceira sumouse, ao remate da mobilización en Compostela a lectura do manifesto da convocatoria, que correu a cargo de representantes de entidades que integran a xestora de Queremos Galego. Interviron así en Pratarías Susana Méndez (CIG), Xerardo Roca (Agrupación Cultural O Galo), Esther Martínez (ANPA Galegas), Antón Rubal (Aspradoga), Goretti Sanmartín (BNG), Daniel Asorei (AELG) e Xosé Ramón Boullón (CTNL).

"40 anos despois négase en galego todo o que se obriga en español"

Manifestación de Queremos Galego en Santiago de Compostela (Foto: Arxina).
Manifestación de Queremos Galego en Santiago de Compostela (Foto: Arxina).

O  voceiro nacional da Plataforma Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, recordou na súa intervención ao remate da manifestación de Compostela que o próximo 15 de xuño faranse 40 anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, que consagraba a obriga dos poderes públicos de promover o galego e o dereito ao seu uso. "Porén", lamentou Maceira, "40 anos despois continúa a negarse no noso idioma todo o que se garante e obriga en español".

Neste sentido, o voceiro da plataforma cuestionouse se é posíbel que sexa oficial unha lingua "na que é case imposíbel recibir unha notificación xudicial, atención sanitaria ou abrir unha conta bancaria". Unha lingua, insistiu, "excluída dos deseños animados" e "prohibida nas matemáticas, na física e química, na tecnoloxía e nos libros de texto dixitais". Maceira referiuse ao galego como "unha lingua que os mesmos que teñen a obriga de usar e promover, rexeitan para facer campaña electoral".

Nos 60 anos da celebración do Día das Letras Galegas, a proposta de Fernández del Riego, homenaxeado este 2023, Marcos Maceira insistiu en que o galego existe e ten futuro "grazas ás familias que o transmiten a pesar do ensino, do lecer ou da televisión", "ao profesorado insubmiso ao decreto que o prohibe nas aulas", "ao funcionariado que o emprega día a día, aínda sen contar coas ferramentas básicas para o facer", e "aos traballadores e traballadoras que se manteñen no uso do galego a pesar das presións en moitas empresas". 

Comentarios