Día das Letras Galegas

'En galego, aquí e agora'. Galiza sae á rúa en defensa da súa lingua propia

"A situación de emerxencia lingüística non permite esperar outros 40 anos a que as institucións se dignen a cumprir as súas obrigas", advirte Queremos Galego.
Manifestación de Queremos Galego en Santiago de Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Manifestación de Queremos Galego en Santiago de Compostela (Foto: Arxina).

A plataforma Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades, reclamou o papel "normalizador" dos concellos en relación co uso do galego esta cuarta feira 17 de maio, Día das Letras Galegas, un día en que esta plataforma convocou un total de nove mobilizacións.

Baixo o lema 'En galego, aquí e agora', ás marchas e concentracións nas sete grandes cidades sumáronse actos en Monforte de Lemos e Foz.

En Santiago, a manifestación saíu ao mediodía da Alameda e percorreu as rúas compostelás "para aproveitar a proximidade das eleccións municipais e reclamar o papel normalizador dos concellos, fronte ao desprezo do resto de poderes públicos".

A manifestación de Santiago de Compostela tamén reuniu a líder da oposición, Ana Pontón (BNG) xunto coa candidata nacionalista á Alcaldía compostelá, Goretti Sanmartín e Valentín González Formoso (líder do PSdeG), así como tamén contou con outras forzas da esquerda e, como a candidatura de Compostela Aberta liderada por María Rozas e o integrante da lista e líder de Anova, Martiño Noriega.

Mentres, na Coruña, tivo lugar unha concentración no Obelisco na cal participaron Xulio López Valcárcel, Tino Fraga, Isabel Naveira e Telmo Cillero para explicar a situación do idioma propio da Galiza nos seus respectivos sectores (xustiza, ciencia, escena e deporte, respectivamente). Este acto contou coa actuación do grupo de pandereteiras de Zóscalle e terminou coa lectura dun manifesto.

Vigo acolleu unha manifestación que tivo o seu punto de partida no Cruce Vía Norte en dirección ao Marco, mentres que en Pontevedra houbo unha concentración na Praza Curros Enríquez.

Lugo, Ourense, Monforte de Lemos, Ferrol e Foz viviron as súas respectivas concentracións convocadas por Queremos Galego.

“Emerxencia”

"A situación de emerxencia lingüística non permite esperar outros 40 anos a que as institucións se dignen a cumprir as súas obrigas", advirte Queremos Galego.

A través dun comunicado, o portavoz da plataforma, Marcos Maceira, tamén presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, lamenta que os 40 anos da lei de normalización "non serviron para subverter a situación do galego" e tampouco contribuíron "a gañar novos espazos".

"O uso da lingua segue sendo minoritario en espazos como o da administración de xustiza ou na administración do Estado", denuncia.

Ademais, a plataforma alerta da "grave situación de emerxencia lingüística" e atribúeo ao "desprezo e pasividade dos poderes públicos".

Ao seu xuízo, a Xunta "segue convencida de que aplica a política lingüística adecuada" pero o colectivo entende que o é "para seguir perdendo falantes". Neste sentido, advirte da "desgaleguización do ensino" e critica o "mal chamado decreto de plurilingüismo".

Outras actividades

Ademais das mobilizacións de Queremos Galego, tamén decorreren este 17 de maio máis dun centenar de actividades literarias, deportivas, musicais ou académicas.

A súa localidade natal (Lourenzá) é o epicentro desta xornada, coa celebración da sesión extraordinaria do pleno da Real Academia Galega (RAG) no centro de usos múltiples de Ponte de Cuñas, e contará coas intervencións académicas de Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo Andión, que abordarán nos seus discursos distintos ámbitos a figura e a obra do homenaxeado.

Ademais do acto central en Lourenzá, localidades e institucións de todo o país terán durante esta xornada actividades en homenaxe a Francisco Fernández del Riego.

En Pontevedra celebrarase na Praza da Ferraría a final do certame Música nas Letras. No evento, conducido por Xurxo Souto, entregaranse os premios e actuarán en directo as tres bandas finalistas que interpretarán as composicións orixinais -baseadas en poemas ou mesturas de versos dalgunha das figuras homenaxeadas nas Letras Galegas- coas que participaron neste certame musical.

Na Coruña, os Xardíns de Méndez Núñez albergarán actividades lúdicas, culturais e musicais, con numerosos concertos, así como faladoiros, talleres e lecturas de texto do impulsor desta festividade.

Por outra parte, en Ourense, a música correrá a cargo de Susana Seivane, que ofrecerá un concerto gratuíto na Praza Maior. Tamén haberá unha actuación do Coro Xuvenil Cantiga.

Do mesmo modo, institucións como Casa-Museo de Rosalía de Castro celebra esta efeméride con dous eventos: un concerto do saxofonista padronés Pablo Castaño e o guitarrista brasileiro Iván Vilela, a quen se lle sumará a cantora Felisa Segade; e a presentación do sétimo número de 'Follas Novas'. Tamén o Museo Provincial de Lugo ofrece un concerto de Davide Salvado.

Pero tamén o deporte se une a esta cita. A carreira Camiño das Letras repite este ano en Santiago de Compostela con dúas probas absolutas a escoller: unha de 15 quilómetros e outra de 5 quilómetros que se desenvolven nas proximidades do Pico Sacro e da Cidade da Cultura.

Comentarios