Día das Letras Galegas

O Bierzo "non está para celebracións" este 17 de maio pola "inxustificada negativa" a introducir o galego nun instituto

Héctor Silveiro, membro correspondente polo Bierzo da RAG, denuncia a posición "insensíbel e fría" da Administración educativa de Castela e León en relación coas reiteradas peticións das familias de alumnado que estudou a materia de Lingua galega na escola e que quere continuar por esta vía no IES Fuentesnuevas de Ponferrada, mais non pode.
Libro da materia de Lingua galega e literatura.
photo_camera Libro da materia de Lingua galega e literatura.

A Galiza celebra hoxe unha das datas máis sinaladas no calendario, o Día das Letras Galegas, unha xornada que decorre tamén no Bierzo, onde, porén, non está a cousa "para celebracións". Afírmao Héctor M. Silveiro Fernández, natural de Vilafranca do Bierzo e membro correspondente nesta comarca da Real Academia Galega, quen lamenta a "negativa" do equipo directivo do IES de Fuentesnuevas de Ponferrada a ofertar a materia de Lingua galega para o alumnado que así o desexe, unha situación da que xa se fixera eco Nós Diario a comezos de mes.

"Unha inxustificada negativa a introducir o galego nun instituto berciano, como un iceberg nunha viaxe por mar, pon en evidencia a fraxilidade na que se atopa, unha vez máis, esta riqueza patrimonial que posuímos e amosa a debilidade do Programa de Promoción do Galego que vén sendo a vangarda do traballo a prol do idioma na comarca e a esperanza dun futuro mellor", censura Silveiro.

A este respecto, lembra que "non é unha, nin dúas, senón tres" as asociacións de nais e pais que reclamaron, "formal e publicamente" a inclusión do galego na oferta de estudos deste instituto de cara ao vindeiro curso académico, pois parte das e dos estudantes que entrarán en setembro con nova matrícula aprenderon previamente a lingua propia da Galiza na escola.

Cuestiona a oposición, "sen argumentación ningunha que a sosteña", por parte da dirección e o claustro do IES Fuentesnuevas a cursar de forma positiva esta petición reiterada das familias. "Por outro lado, dita solicitude de parte da comunidade educativa dos centros de Primaria adscritos ao instituto de Cuatroventos e Camponaraia e do propio centro de Secundaria de Fuentesnuevas constitúe unha razón de máis como para poñer en marcha o pertinente protocolo de introdución da lingua", sostén.

"Estamos falando dun dereito que os galegofalantes bercianos temos e que se concreta na posibilidade de matricularse no Programa de Promoción do Galego de forma voluntaria, unha opción cargada de oportunidades laborais de futuro ao poder titular o alumnado no remate da ESO cun certificado CELGA, un dereito que, no caso de non activar este proceso, digámolo unha vez máis, se lle está imposibilitando exercer á cidadanía", engade.

E alén da situación vivida no propio centro, Héctor Silveiro critica a posición "insensíbel e fría" da Administración educativa de Castela e León, que, malia existir unha orde datada do pasado 4 de abril que recolle o dereito a estudar lingua galega ao abeiro do Programa de Promoción da Lingua Galega, non ofreceu solución ningunha. "Parece obvio que a Administración debería actuar de oficio a través da Inspección de León, por exemplo, para facilitar unha solución que resolva o conflito", incide.

"Debemos concluír entón que os bercianos e bercianas en 2023 seguimos navegando contra a historia, esquivando un mar de obstáculos coma se estivésemos aínda baixo a bota antidemocrática de Franco, xa que as autoridades educativas actuais parecen perpetuar, co seu silencio administrativo, aqueles tempos grises nos que os gobernantes desoían por norma as reclamaciois dos cidadáns", denuncia.

Esta situación, porén, é reversíbel: "Aínda se está a tempo de abrir a matrícula para o curso que vén no IES de Fuentesnuevas incluíndo a opción do Programa de Galego. Insistimos, a pelota certamente está no tellado da administración educativa que polo de agora garda un silencio digamos habitual, pero pouco tranquilizador".

Neste Día das Letras Galegas, salienta Silveiro, O Bierzo bota en falta unha figura como a do homenaxeado deste ano, Francisco Fernández del Riego, "un presidente da Academia entusiasta aos 84 anos de idade que foi quen de anovar dinámicas na vella institución e de albiscar un futuro esperanzador para a nosa lingua, precisamente animado polo vigor da presenza do galego en muitos centros de ensino".

"Elevamos, logo, neste día tan sinalado unha solicitude de urxencia desde O Bierzo ao actual presidente da Academia [Víctor F. Freixanes], fiel continuador de Fernández del Riego, para que se procuren vías de acordo entre a cidadanía, o profesorado e as autoridades educativas implicadas neste tema tan transcendente e importante para a nosa lingua. Desexamos, pois, se faga posíbel unha travesía sen icebergs, co entusiasmo desas mil primaveras máis para o galego das que falaba Cunqueiro, un bon amigo de Don Paco, para todos os territorios galegofalantes incluíndo, claro está, a comarca berciana", conclúe.

Comentarios