VÍDEO NO INTERIOR

A música tradicional galega recupera a memoria lingüística dos seus defuntos

O galego gaña presenza nos cemiterios, aínda rendidos ao castelán.
O grupo de pandeireteiras O Carballo das Cen Polas acompañaron coa súa música a homenaxe a Marisol e Raúl en Pazos de Borbén. (Foto Nós Diario).
photo_camera O grupo de pandeireteiras O Carballo das Cen Polas acompañaron coa súa música a homenaxe a Marisol e Raúl en Pazos de Borbén. (Foto Nós Diario).

O idioma oficial dos cemiterios galegos é o castelán. É a lingua escollida pola maioría para despedir, honrar e recordar os seus mortos, "unha anomalía cultural que hai que corrixir", afirma a Nós Diario Xosé González Martínez, membro da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

O seu esforzo por restaurar a memoria lingüística dos defuntos comezou hai 30 anos co propósito de chamar a atención sobre unha incoherencia idiomática que continúa. Naquela altura desenvolveron unha mostraxe para coñecer a situación do galego na parroquia dos mortos. "O censo aproximado de lápidas nesta lingua era de unha por cada mil e a porcentaxe de necrolóxicas publicadas no noso idioma, de perto de 2%".

Co paso do tempo e a consolidación do Día da Restauración da Memoria Lingüística da Galiza, esas cifras comezaron a mudar. "Apreciamos unha repunta a raíz das actividades que vimos promovendo desde entón. Non é para botar foguetes pero vemos un avance".

O número de campas en galego está a aumentar, pero a diglosia mantense. "Que a parroquia dos mortos fale un idioma e a dos vivos outro é unha rareza cultural que denota que houbo interferencias polo medio, nomeadamente das empresas de decesos, da Igrexa católica e da colonización dos propios galegofalantes, que consideran que a morte é una acto social que debe expresarse na lingua de prestixio, que é o castelán".

González Martínez defende que non se pode soterrar alguén que falou sempre en galego nun idioma que non foi o seu. Tampouco se pode convocar a veciñanza a unhas exequias fúnebres en castelán cando se trata de chegar a ela para honrar e despedir un membro da súa propia comunidade, tamén galegofalante.

Lingua e autoestima

Para galeguizar a memoria dos defuntos apela á Lei de Normalización Lingüística e aos poderes públicos, directamente aos Concellos. E recorre a un verso de Cabanillas que condensa a cerna da súa proposta: "En galego agora e sempre". Os cemiterios "teñen que ser espazos de memoria parroquial, tamén lingüística, na que non cabe ningunha distorsión que traslade un relato equivocado á comunidade dos vivos".

Se os cemiterios estivesen en galego, os vivos terían maior autoestima, asegura Xosé González Martínez, quen o pasado sábado acompañou a veciñanza da parroquia de Amoedo, en Pazos de Borbén, comarca de Vigo, nun acto de reencontro coa galeguidade no que substituíron a lápida do matrimonio de Marisol Míguez e Raúl Pereira, por unha en galego, coherente co labor cultural que desenvolveron desde Fornelos de Montes a Mondariz.

"Este ano estamos a facer fincapé en algo que as Irmandades da Fala tiñan moi claro: a gran contribución dos coros e agrupacións de música tradicional á normalización da lingua galega". Cantareiras, gaiteiros, pandeireteiras transmitiron tradición e identidade mais están soterrados baixo unha campa "impropia".

Tras mudar en abril a lápida de Florencio, o Cego dos Vilares; a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística visitou estes días Borbén e Pontecaldelas. Teñen actos previstos en Xinzo, Vilar de Santos e Bueu, onde colgarán unha placa conmemorativa na cabeceira dos cemiterios coa lenda "Na memoria de todas as persoas que aquí xacen, porque grazas a elas a Galiza segue a ter cultura e lingua de seu". O día de San Martiño farán o propio en Barcia de Mera, Covelo, A Paradanta, onde homenaxearán Mingos Lorenzo, orfeonista de Treixadura.

A lingua dos comuneiros

Após chamar á xente da música tradicional da Galiza a restaurar a memoria lingüística dos seus mortos, os funcionarios para a normalización miran agora cara á Organización de montes en man común. "Foron e son sustento das parroquias. Queremos que cos beneficios do monte destinen 2.000 euros a sufragar as lápidas en galego dos comuneiros que morran", unha decisión que adoptarán na súa próxima xuntanza.

Comentarios