A presenza da lingua galega nos espazos da memoria, unha materia pendente

Un dos lugares onde a lingua propia da Galiza non está presente como debera é nos cemiterios, habendo só un en todo o país que ten todas as lápidas escritas en lingua galega, o de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela.
Cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, no concello de Paradela, o único no país que ten todas as lápidas en lingua galega (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, no concello de Paradela, o único no país que ten todas as lápidas en lingua galega (Foto: Nós Diario).

É síntoma de que un idioma non está plenamente normalizado que este non estea presente en todas as facetas dunha sociedade. O galego é un dos idiomas que sofre esta falta de normalización ao non se encontrar presente en múltiples ámbitos da vida diaria do país. 

Un dos lugares onde a lingua propia da Galiza non está presente como debera é nos cemiterios, habendo só un en todo o país que ten todas as lápidas escritas en lingua galega, o de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela (comarca de Sarria). Para alén de lápidas, o galego tamén está ausente en necrolóxicas, publicándose apenas 2% delas en galego nos xornais, segundo a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG).

En declaracións a Nós Diario, Xosé González Martínez, fundador da AFNLG, salienta a respecto desta situación que "os antropólogos din que Galiza ten máis de 3.700 parroquias de vivos e outras tantas de mortos, é dicir, os cemiterios. O Instituto Galego de Estatística ten publicado apartados sobre os usos lingüísticos na Galiza por concellos onde se di que practicamente 90% da poboación fala galego nas parroquias dos vivos, mais polo que vemos, nas parroquias dos mortos fala galego moi pouca xente".

González destaca a anomalía que isto supón, xa que "é curioso que se un señor está na casa ou no bar falando galego en vida, cando se mete no caixón e se fechan as portas do cemiterio, pase a ser recoñecido para sempre en castelán cunha lápida que así o recorda". 

"Unha perversión, unha anomalía cultural", así define González esta situación que se vive na gran maioría dos cemiterios do país. Con todo, tamén destaca que "xa antes do século XX hai sartegos que están en galego, só cómpre ver en San Domingos de Bonaval cando se soterrou Rosalía de Castro cun epitafio en galego", polo que, segundo González, "non hai razón ningunha para estar xustificándose coa historia e alimentar o intimismo dicindo que nolo impiden".

De acordo co fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, "só unha de cada 1.000 lápidas está en galego. É necesario que cada lápida fale en galego, como falaba a persoa que está detrás dela".

Non obstante, González salienta que "si que se viu unha repunta de conciencia de galego nas lápidas que se fixeron a partir de 1990, iso é evidente. Eu creo que, modestamente, iso é debido, en parte, ás campañas que facemos todos os anos desde a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, onde levamos máis de trinta anos traballando neste sentido". 

O Día de Todos os Santos e o Día de Defuntos

Aínda que o 2 de novembro non sexa feriado e a mercadotecnia do Halloween se espallase a costa do Samaín, o certo é que o Día de Defuntos cae sempre en día 2 e non no 1 de novembro, que é o Día de Todos os Santos, algo que crea confusión. A explicación é que o cristianismo adaptou as festas populares e no século IX o Papa Gregorio IV estabelece o día 1 de novembro como Día de Todos os Santos. Porén, o papa só dedicou este día a algúns falecidos: os santos mortos da Igrexa Católica. Despois, no século XI é cando se dedica o día 2 para o resto de defuntos.

José Veiro, a historia dunha lápida traducida ao galego

Lápida de José Veiro (Foto: Concello de Nigrán).
Lápida de José Veiro (Foto: Concello de Nigrán).

Unha das accións que se poden tomar para normalizar o idioma en cemiterios é solicitar a tradución de lápidas xa existentes que estean en castelán. Algo que xa aconteceu en Nigrán coa lápida de José Veiro, un recoñecido sindicalista que pasou varios anos escondido por estar perseguido pola Garda Civil. Foi enterrado coa lápida en castelán, mais a familia e o Concello de Nigrán traducírona en 2017.

comentarios