'En galego, agora e sempre': a Galiza reclama a memoria lingüística dos seus mortos

A festividade de Defuntos devolve aos cemiterios unha actividade máis intensa da habitual. Son espazos de convivencia diarios que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística busca galeguizar desde hai case tres décadas. A memoria do país debe ser recoñecida no seu propio idioma, non nunha lingua allea.
Cambio ao galego da lápida do gaiteiro de Laroá, en Xinzo, marco da campaña de restauración (Foto: Asociaición de Funcionarios para a Normalización Lingüística).
photo_camera Cambio ao galego da lápida do gaiteiro de Laroá, en Xinzo, marco da campaña de restauración (Foto: Asociaición de Funcionarios para a Normalización Lingüística).

"Na memoria de todas as persoas que aquí xacen, porque grazas a elas a Galiza segue a ter cultura e lingua de seu". Na véspera do día de Defuntos, o galego colle alento nas "parroquias de mortos", unha denominación que especialistas en Antropoloxía acordaron para se referir aos cemiterios e destacar a integración "perfecta" destes espazos de memoria na contorna propia dos vivos. Nestes lugares de convivencia, o ritmo de visitas aumenta nas datas próximas ao primeiro de novembro.

As flores locen renovadas, ao igual que as lápidas. A maioría resplandece, tras unha limpeza coidadosa, e unhas poucas, ademais, fican remudadas para restaurar a memoria lingüística das persoas defuntas. As máis, galegofalantes.

Memoria lingüística

Malia vivir en galego toda a súa existencia, acabaron no camposanto cunha campa en castelán, nun idioma que non era o seu. Co obxectivo de chamar a atención sobre esta incoherencia, promover a reflexión da veciñanza e animar as familias a galeguizar a memoria dos seus defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística impulsou hai case tres décadas a conmemoración do Día da Restauración da Memoria Lingüística da Galiza.

Con todo a iniciativa partiu do seu presidente, Xosé González, entón á fronte do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela. "Propúxenlle á corporación a aprobación dunha subvención para todos os veciños que quixesen colocar lápidas en galego".

A idea prosperou. "Démoslle unha proxección galega e comezamos a desenvolver un traballo pedagóxico con sindicatos, partidos políticos e movementos culturais de país que continúa, porque sen actividade arredor deste asunto, a xente dificilmente vai entender o deplorábel que é que a parroquia dos mortos fale un idioma distinto do da parroquia dos vivos".

No cemiterio, recalca, os que falaron sempre en galego son recordados en castelán, unha "perturbación" inadmisíbel froito dun "desleixo" colectivo  que exixe trasladar o "entusiasmo" co que se celebran as Letras Galegas a outros ámbitos da vida. E da morte. "O uso do galego non se normaliza só a través da literatura e da poesía, que monopolizaron a defensa da cultura do país. Ten que ser transversal e estar en todos os sectores: nunha marmorería, nunha floraría, nunha empresa de decesos", di González.

Galeguizar a morte

"Os panteóns teñen que falar o idioma de quen está alí soterrado". Con este obxectivo, cada ano promoven a substitución dalgunha lápida en castelán por outra en galego en distintos cemiterios parroquias da Galiza e a colocación dunha placa conmemorativa á entrada, en memoria de quen alí xace tras deixar o galego en herdanza.

Neste proceso de restauración, o galego gañou presenza en moitos camposantos. "Xa se len máis campas en galego, aínda que non todas as que queremos". Normalizar o galego nos cemiterios pasa por "galeguizar as empresas que viven da morte" e quen as galeguiza, advirte, é "quen paga unha póliza de decesos cando exixe un enterramento en galego". Unha forma de reivindicalo é a través dunha "manda testamentaria que recolla o desexo da persoa de ser soterrada en galego".

San Facundo de Ribas de Miño, único en galego

O acto central do Día da Restauración da Memoria Lingüística terá lugar este sábado no cemiterio da Romea, en Lalín, onde o Concello anunciará a subvención de lápidas en galego. Alén deste, terán lugar outros en Baltar, Allariz, Rianxo, Cerdedo-Cotobade ou Paradela, onde podemos atopar o único cemiterio integramente en galego do país, o de San Facundo de Ribas de Miño. Con todo, a conmemoración deste ano terá lugar no camposanto de San Miguel de Paradela, onde está o panteón de paradelenses ilustres como Manuel Orestes. O seu mais o do canteiro local Manuel López son os únicos en galego, sinala o tenente de alcalde Adrián Fernández. "Non é o habitual e resulta unha contradición, porque debéramos morrer como vivimos, en galego".

Necrolóxicas, funerais e cabodanos: o galego quere ser o idioma dos soterramentos

O Día da Restauración da Memoria Lingüística foi promovido para que "os vivos reflexionen e galeguicen as parroquias dos mortos", afirma o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xosé González, que estende a reparación da memoria lingüística das persoas defuntas ás necrolóxicas e aos oficios de despedida, relixiosos ou non.

"Na Galiza morren arredor de 30.000 persoas ao ano que xeran un gran negocio ás empresas de decesos". A peaxe que se paga por entrar nun cemiterio é tan grande que ben se pode exixir en galego, sinala González, sobre todo cando significa respectar a memoria dos mortos. Só 2% das necrolóxicas que se publican usan o galego e hai moitas liturxias de despedida o lembranza que se ofician nunha lingua allea á persoa defunta.

Comentarios