O manifesto 'Queremos Galego no Congreso' ábrese ao público: así podes asinalo

O pasado 20 de setembro, fíxose público un manifesto, orixinalmente asinado por medio cento de voces, que pedían que os deputados e deputadas galegas na Cámara Baixa empreguen sempre o galego durante as súas intervencións.
Exterior do Congreso dos Deputados, onde desde esta quinta feira pode falarse oficialmente en galego. (Foto: Marcos Villaoslada / Europa Press)
photo_camera Exterior do Congreso dos Deputados, onde desde esta quinta feira pode falarse oficialmente en galego. (Foto: Marcos Villaoslada / Europa Press)

A plataforma Queremos Galego, conformada por máis de 500 entidades, vén de abrir ao público o manifesto a favor do uso do galego no Congreso, que desde esta segunda feira xa se pode asinar.

O pasado 20 de setembro, fíxose público este manifesto, orixinalmente asinado por medio cento de voces que pedían que os deputados e deputadas galegas na Cámara Baixa empreguen sempre o galego durante as súas intervencións.

As integrantes das Tanxugueiras, Xosé A. Touriñán ou Víctor F. Freixanes encontrábanse entre as persoas de relevancia da sociedade galega que asinaron o manifesto.

O manifesto

“Ante a presentación o 19 de setembro de 2023 da reforma do Regulamento do Congreso mediante a cal se permitirá que se empreguen todas as linguas que teñen a condición de oficiais no Estado español, as persoas abaixo asinantes queremos manifestar o seguinte: Apoiamos que se produza a aprobación desta iniciativa que permitirá achegar a nosa lingua a un ámbito institucional onde até o de agora non estaba permitido o seu emprego. Non sen tempo, prodúcese a corrección desta anormalidade democrática e non podemos máis que valorala moi positivamente”, se pode ler no inicio do manifesto.

“Agardamos que as nosas e os nosos representantes na Cámara Baixa sexan consecuentes co compromiso co seu país e que empreguen a lingua galega a partir de agora en todas as intervencións que realicen, contribuíndo desta maneira non só ao seu coñecemento e divulgación, senón tamén ao seu prestixio e normalización”, continúa o manifesto.

O texto finaliza censurando a “oposición que amosa o Partido Popular a esta medida non por agardada é menos dolorosa. Máis aínda cando pensamos que é o Partido Popular quen mantén o Goberno galego que ten entre as súas obrigas, segundo se desprende do noso Estatuto de Autonomía, a de potenciar a súa presenza e uso en todos os ámbitos. Emprazamos, por tanto, ao Partido Popular, a que tamén se sume ao resto de forzas políticas para apoiar esta modificación do Regulamento do Congreso”.

Comentarios