A exclusión da CIG na cimeira europea en Compostela chega ao Congreso

Néstor Rego considera inaceptábel o comportamento do Ministerio de Traballo cunha central que é a primeira forza sindical da Galiza e ten a condición legal de “máis representativa” a nivel estatal

Exterior do Congreso dos Deputados, onde desde esta quinta feira pode falarse oficialmente en galego. (Foto: Marcos Villaoslada / Europa Press)
photo_camera Exterior do Congreso dos Deputados. (Foto: Marcos Villaoslada / Europa Press)

No marco da presidencia española do Consello da Unión Europea (UE), o 21 de setembro de 2023, decorreu en Santiago de Compostela a Conferencia Tripartita sobre traballo e o Evento “O futuro do traballo e do diálogo social”.

Nese contexto estaba prevista a participación do secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, mais no propio día recibiu unha chamada telefónica do secretario de Estado de Emprego comunicándolle que quedaba anulada a súa participación no evento, alegando que se trataba dunha petición da Confederación Europea de Sindicatos, de que fan parte CCO e UXT. O BNG considera este feito “inaceptábel” e unha grave discriminación coa primeira forza sindical da Galiza.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera “completamente inxustificábel este feito, pois supón un claro veto por parte do Ministerio á participación da CIG nun acto ao que previamente fora convidada e no que se confirmara a súa presenza e unha clara discriminación coa primeira Central Sindical da Galiza que ademais ten a condición de máis representativa a nivel estatal. Alguén pode imaxinar que nun acto institucional non se permitise a participación da primeira forza política da Galiza en canto son convidadas a segunda e a terceira? Pois isto é o que acaba de facer o Ministerio de Yolanda Díaz coa  representación dos traballadores e traballadoras galegas. É simplemente inaceptábel”·

O BNG rexistrou unha iniciativa no Congreso en que exixe ao Ministerio de Traballo que explique as razóns desta exclusión e que presente as súas desculpas a Paulo Carril e á Confederaciön Intersindical Galega por unha actuación que discrimina millares de traballadores e traballadoras galegas representadas pola CIG.

Ao mesmo tempo, o deputado nacionalista lembra que a CIG, por ter a condición de “máis representativa” a nivel estatal fai parte -xunto com CCOO, UGT e a vasca ELA- do Consello Económico e Social do Estado, “a pesar do que é sistematicamente excluída do chamado diálogo social, polo que empraza Yolanda Díaz a “pór fin á longa listaxe de discriminacións” coa Central sindical nacionalista e a asegurar a participación desta  “en todos os ámbitos que lle corresponden”.

Comentarios