Feixoo ataca no acto de Madrid a oficialidade do galego no Congreso cos aplausos de Rueda e o PP galego

40.000 persoas, segundo a organización, participa no acto “contra a amnistía” e no que se volveu cargar contra a oficialidade de galego, euskera e catalán no Congreso. Núñez Feixoo agredeceu a Vox, “porque así o sinto”, o posicionamento contra a “chantaxe” nacionalista.

EuropaPress_5460108_decenas_simpatizantes_banderas_espana_manifestacion_organizada_pp_plaza
photo_camera A mobilización do PP reuniu 40.000 persoas, segundo o PP (Foto: Europa Press)

40.000 persoas, segundo o PP, encheron este domingo a madrileña praza Felipe II para rexeitar a “amnistía” ás persoas encausadas no proceso independentista catalán. Mais, a teor dos discursos dos intervintes e do ánimo de boa parte dos asistentes, alí estábase para máis cousas. Entre elas, para rexeitar a oficialidade do galego, o vasco e o catalán no Congreso.

Deixouno claro o alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida, o primeiro en intervir na mobilización do PP, cando falou despectivamente de “pinganillos”. Tamén tirou por ese camiño a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, cando preguntou se “a lingua común de 600 millóns de persoas agora non serve?”.

Mais foi o ex presidente da Xunta da Galiza e actual presidente do PP español, Alberto Núñez Feixoo, quen máis abondou neste tema durante o seu discurso. Dixo que as linguas que se alan no Estado son “unha riqueza” mais cando “estas se falan entre os que as entenden”.

“Non nos tratemos como estranxeiros”, proseguiu Feixoo, que pediu que “nos comuniquemos con respecto, non con pinganillos”, engadindo que “ao Congreso imos a entendernos, non a traducirnos”.

Volveu, logo, o ex presidente da Xunta a incidir na súa oposición á oficialidade do galego no Congreso. Desta volta fíxoo, ademais, ante o presidente actual da Xunta e presidente do PP galego, Alfonso Rueda, e unha importante delegación dos ‘populares’ galegos coa súa secretaria xeral á fronte, Paula Prado.  Feixoo mesmo, nun momento da intervención, augurou que Alfonso Rueda vai “gañar con maioría absoluta” as vindeiras eleccións galegas.

Investidura falida

O acto decorreu apenas a 48 horas de que Núñez Feixoo vaia ao debate de investidura no Congreso, sabendo que vai perdelo. Hoxe domingo, quixo agradecer o apoio de Vox, Coalición Canaria e UPN á súa candidatura a presidente do Estado, mais con eses apoios non abonda. E agradeceulles tamén a súa “lealdade” na defensa da “igualdade dos españois”.

Ese foi, precisamente, outro dos eixos do acto do PP en Madrid, o de defender unha “igualdade de todos os españois” que politicamente se traduce en reafirmar España como a única nación no Estado. Mariano Raxoi e José María Aznar incidiron nisto, con reiteradas afirmacións a España como “unha gran nación”. Todos os discursos adobados, a maiores, con críticas e ataques ás formacións nacionalistas e soberanistas, responsábeis de todos os males, desde o “ensino ideoloxizado” até “rachar a convivencia” social. Non foron poucos os berros entre os asistentes á mobilización do xa clásico "Puigdemont a prisión". "O único que mellorou a convivencia en Catalunya foi o 155", chegou a dicir Raxoi.

Feixoo, pola súa parte, fixo fincapé en que el gañou as eleccións estatais. Que a el foi a quen votaron os españois e españolas. “Está na Moncloa e perdeu as eleccións”, dixo, en referencia a Pedro Sánchez.

O acto rematou cos "Viva España" de todos os intervintes e o himno español. 

Comentarios