Letonia móstrase, por agora, en contra do uso do galego na UE: "Temos outros problemas"

"Non creo que vaiamos ampliar o número de linguas que se usan de forma oficial na Unión Europea", resolveu o xefe da diplomacia letona en declaracións á súa chegada á reunión de ministros da UE en Luxemburgo.
Krišjānis Kariņš. ministro letón de asuntos exteriores (Foto: @krisjaniskarins).
photo_camera Krišjānis Kariņš, ministro letón de asuntos exteriores (Foto: @krisjaniskarins).

O ministro de Asuntos Exteriores de Letonia, Krišjānis Kariņš, avisou esta terza feira ao Estado español de que non vai dedicar "tempo" en discutir sobre o recoñecemento do galego, catalán e euskera como linguas oficiais da Unión Europea cando “hai outros asuntos de primeira orde que os Vinte e sete deben abordar con urxencia”.

"Non creo que vaiamos ampliar o número de linguas que se usan de forma oficial na Unión Europea", resolveu o xefe da diplomacia letona en declaracións á súa chegada á reunión de ministros da UE en Luxemburgo, ao ser preguntado pola posición do seu Goberno sobre a petición española.

"Non creo que agora mesmo sexa o asunto número un que necesitemos disuctir, o noso principal problema", continuou, para despois avisar de que os Vinte e sete teñen "sobre a mesa moitos asuntos xeopolíticos" e sobre a "posición estratéxica" que o bloque debe asumir no futuro.

"Iso é no que debemos dedicar o noso tempo e centrarnos agora mesmo", remachou.

O Estado non resolve as dúbidas

Os Vinte e sete abordaron de maneira breve esta terza feira por segunda vez a petición do Goberno do Estado para recoñecer o galego, o catalán e o euskera como linguas oficiais da Unión Europea, unha cuestión sobre a que, con todo, non houbo decisións debido a que o Goberno español aínda non respondeu ás dúbidas legais e financeiras que os seus socios exixen aclarar antes de estudar o fondo dunha eventual decisión.

O asunto foi incluído pola presidencia europea rotatoria que este semestre exerce España na axenda do Consello de Asuntos Xerais que decorre en Luxemburgo e figura como presentación dun "informe de progreso", sen que estea prevista a adopción de decisión.

Comentarios