Falas en galego cos compañeiros de traballo? E coa clientela? O seu uso caeu até 17% en 15 anos

O investigador da USC Miguel Guisantes presenta un amplo estudo que analiza o descenso do uso da lingua propia do país no ámbito laboral.
O uso da lingua propia do país no ámbito laboral descendeu significativamente. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O uso da lingua propia do país no ámbito laboral descendeu significativamente. (Foto: Nós Diario)

O uso da lingua galega entre compañeiras e compañeiros de traballo descendeu até 17% en 15 anos, de 2003 a 2018, segundo un estudo exposto polo investigador da USC Miguel Guisantes. O documento sinala tamén que o seu uso rexistrou un descenso de 17,3% entre o persoal ao seu cargo, de 12,1% entre os traballadores e os seus superiores e de 12,3% coa clientela.

Así o trasladou nos Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística da Galiza (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Alí, Guisantes fixo esta terza feira un percorrido pola situación da lingua galega no sector económico ao fío do Plan de Dinamización da Lingua Galega no tecido económico.

Na súa opinión, tal e como trasladou o Consello da Cultura Galega, "é imprescindíbel coñecer a situación para poder actuar". Na súa intervención, o investigador explicou que entre 2016 e 2020 levaron a cabo un centenar de medidas co obxectivo de crear conciencia de que o galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias, así como estender e fomentar o seu uso. Na súa exposición, afirmou tamén que o Plan "está traballado parcialmente, pero está infrautilizado"; ademais, engadiu, "ten unhas actuacións pouco claras sen relacionar coas medidas".

Sobre os dereitos dos consumidores falou Sara Seco, da Mesa pola Normación Lingüística, que explicou como resolver as queixas máis habituais. "Escoller a lingua na que se redacta unha póliza está regulado desde o ano 1980 na Lei de contrato seguro", detallou, á vez que afirmou que tamén se poden escoller as linguas nos procedementos en notarías.

No sector empresarial, o director executivo de Deleite, Pedro González Boquete, destacou que entre as débedas pendentes sitúanse "os contratos de distribución e os contratos cos gandeiros". "O máis coherente para unha empresa que nace na Galiza, formada por galegos, con capital galego e cun Consello de Administración que fala galego é que a súa comunicación, as súas relacións internas e externas sexan nesta lingua", afirmou.

Pola súa parte, o responsable de Daveiga, Xosé Lois Lamazares, reivindicou a lingua galega e o seu vínculo natural ao proxecto. "O feito de comunicar e transmitir en galego, na Galiza, é unha aposta polo país, unha mostra de compromiso e respecto cara aos consumidores", subliñou.

Ademais, animou outros emprendedores a empregaren o galego como primeiro idioma de comunicación porque "son todo vantaxes", malia recoñecer que "fóra non ten tanto poder, pero tampouco estorba".

Comentarios