A oficialidade do galego na UE volverá debaterse o 24 de outubro

O 19 de setembro, os Vinte e sete optaron por non tomar unha decisión sobre a inclusión das tres linguas á espera dun ditame xurídico do Consello da UE sobre as consecuencias da medida e unha análise do seu impacto económico. O Goberno español dixo entón que ía priorizar o recoñecmento do catalán antes que do galego.
Plenario da cimeira entre a Unión Europea e a Celac, en Bruxelas, Bélxica. (Foto: Dario Pignatelli / European Council)
photo_camera Plenario da cimeira entre a Unión Europea e a Celac, en Bruxelas, Bélxica. (Foto: Dario Pignatelli / European Council)

O ministro español de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación en funcións, José Manuel Albares, adiantou que os Vinte e sete volverán discutir sobre a petición do Goberno español de incluír o galego, catalán e euskera no réxime lingüístico da UE o 24 de outubro.

O asunto volverá abordarse no Consello de Asuntos Xerais, foro no cal xa se tratou o 19 de setembro, cando foi o propio Albares quen acudiu á reunión en Bruxelas para explicar a petición do Goberno español, realizada no marco das negociacións do PSOE coas formacións nacionalistas para viabilizar unha investidura á Presidencia do Estado español.

Segundo explicou Albares en rolda de prensa ao termo da reunión informal de ministros de Asuntos Xerais, decorrida en Murcia, informou aos ministros da UE de que o seu Goberno, que ostenta a Presidencia de quenda do Consello da UE, volverá incluír este "punto específico" na orde do día do 24 de outubro.

Ademais, dixo que volveu "constatar a vontade de todos os Estados da Unión Europea de traballar nesta proposta". Neste sentido, recalcou que "é un compromiso do Goberno o avanzar" para que as tres linguas sexan incluídas no réxime lingüístico da UE.

"Hoxe constatei que igual que o constatei o día 19 que todos os Estados seguen dispostos a avanzar e a traballar nese camiño", insistiu, subliñando que ningún Estado membro tomou a palabra "para sinalar ningún aspecto que o inquiete ou lle preocupe para obstaculizalo" como xa ocorreu anteriormente.

"Seguimos avanzando e imos seguir traballando para poder acomodar calquera comentario que poida ter algún Estado membro de fronte ao día 24 de outubro e seguir avanzando", remachou.

Decisión no ar

O 19 de setembro, os Vinte e sete optaron por non tomar unha decisión sobre a inclusión das tres linguas á espera dun ditame xurídico do Consello da UE sobre as consecuencias da medida e unha análise do seu impacto económico. O Goberno español dixo entón que ía priorizar o recoñecmento do catalán antes que do galego.

Comentarios