A UE insta a acelerar a expulsión de migrantes e vincúlaos co terrorismo

21 evacuacións en aeroportos ao longo de Francia en 48 horas.
A comisaria de Interior da UE, Ylva Johansson. (Foto: Antonio Muñoz / Europa Press)
photo_camera A comisaria de Interior da UE, Ylva Johansson. (Foto: Antonio Muñoz / Europa Press)

As e os titulares de Interior da Unión Europea (UE) reuníronse hoxe para tratar a negociación do Pacto de Migración e Asilo, nunha xuntanza na que varios Estados fixeron un chamamento a acelerar as expulsións de persoas migrantes sen regularizar.

Amais, relacionaron esta cuestión cos ataques terroristas da pasada sexta feira en Francia, no que foi asasinado un profesor por parte dunha persoa que xurara fidelidade ao Estado Islámico, e da segunda feira en Bélxica, no que morreron dous cidadáns suecos nun atentado que as autoridades relacionaron con Suecia, que expulsara o agresor antes de que se desprazara a Bruxelas.

Ameaza para a seguridade

“É especialmente importante que aqueles individuos que poidan ser unha ameaza para a seguridade sexan retornados inmediatamente”, salientou a comisaria de Interior da UE, Ylva Johansson, que reclamou acelerar as expulsións.

Gunnar Strommer, o responsábel deste ámbito en Suecia, nun Goberno conservador que depende do apoio da extrema dereita de Demócratas, instou a “aprender as leccións” do atentado en Bélxica.

Pola súa parte, o francés Gérald Darmanin argüíu que a ameaza terrorista na UE provén de “persoas que están no noso territorio, acotío de nacionalidade estranxeira, e que se auto radicalizan en Internet ou en contacto con asociacións encubertas de caridade”.

Evacuación en Francia

Os aeroportos de Lille, Nantes, Bordeos e Montpellier foron desaloxados esta quinta feira por ameazas de bomba. Algúns deles xa foran evacuados hai dous días, nunha xornada na que até 17 aeródromos foron baleirados de urxencia. Francia continúa en alerta terrorista máxima.

Comentarios