USC, UdC e UVigo animan as empresas a incorporar a lingua galega na súa actividade

As universidades públicas celebraron o Día da Galeguidade Empresarial.
González, Aymerich, López, Sanmartín, García e Area, esta terza feira. (Foto: Santi Alvite)
photo_camera González, Aymerich, López, Sanmartín, García e Area, esta terza feira. (Foto: Santi Alvite)

A conmemoración na USC do Día da Galeguidade Empresarial serviu de marco para que as tres universidades públicas galegas subscribiran un pronunciamento sobre a "necesaria incorporación da lingua galega ao mundo empresarial". 

O chamamento realizouse nun acto institucional que se desenvolveu esta terza feira, 10 de outubro, en Fonseca e no que participaron representantes de sector empresarial que promoven o uso do galego na súa actividade como é o caso de Embutidos Lalinenses, Seguridade A1 ou Navantia.

A sesión serviu para render tributo á figura de Ramón Castromil Ventureira a través da intervención da súa filla Carmen Castromil, co gallo do 30 aniversario da galeguización da empresa Castromil

Dignificación da identidade

“O galego é unha forma de estar e de coñecer o mundo”, afirmou Antonio López, reitor da USC. Para López, ao compromiso institucional a prol do idioma débese engadir a responsabilidade individual, así como a do eido empresarial.

A unión de USC, UVigo e UDC a prol do idioma ten “os esteos sobre os que asentar unha nova práctica de convivencia coa cultura do país”, afirma o documento. “Esta convivencia debe exercitarse coa observación dos dereitos lingüísticos dos traballadores e das traballadoras e persoas usuarias, ao tempo que dignifica a nosa identidade. A lingua galega é un medio para conseguir a cohesión social e acrecentar a autoestima da cidadanía”, engade o chamamento.

Por ese motivo, as tres universidades apelan ás empresas “radicadas no noso territorio a iniciar un proceso de incorporación progresiva da lingua galega nas súas actividades nas relacións laborais, na publicidade, etiquetaxe e demais manifestación da actividade empresarial”.

Tal e como contempla o documento subscrito polas tres institucións, “no ámbito socioeconómico a cultura da cooficialidade lingüística segue amosando grandes espazos de indiferenza, malia os avances acadados nos últimos anos en sectores da alimentación nos que a etiquetaxe en lingua galega está cada vez máis presente. Unha anomalía que debemos corrixir para fortalecernos como comunidade con sinais de identidade propios”.

Xunto ao reitor da USC, participaron no acto Carlos Aymerich, secretario xeral da UDC; Iván Area, en representación da UVigo; Goretti Sanmartín, alcaldesa Concello de Compostela; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta da Galiza; e Xosé González, presidente do Foro Peinador.

Comentarios