O Goberno español mantén a sanción a un veciño de Rianxo por reclamar ser atendido en galego polo Sergas

A Mesa  porá o caso en coñecemento do Consello de Europa e do Consello de dereitos humanos da ONU, na medida en que afecta ao cumprimento da Carta Europea das línguas e aos dereitos civís.
O home sancionado por reclamar que o atendesen en galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O home sancionado por reclamar que o atendesen en galego. (Foto: Nós Diario)

A Mesa pola Normalización Lingüística (AMNL) vén de criticar que o Goberno español manteña a sanción imposta a un home en Rianxo por reclamar que o persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) o atendese en galego. O suceso ocorreu o pasado mes de abril de 2021, mais volveu á actualidade coa resolución sancionadora por parte da delegación do Goberno español na Galiza.

Os feitos decorreron da seguinte maneira: o home reclamou que o persoal sanitario lle atendese en galego, ante o que os facultativos non só fixeron caso omiso, senón que mesmo se negaron a realizarlle unha proba diagnóstica da Covid-19.

Nesta situación, a Policía Local desprazouse até o lugar, onde, tal e como critica A Mesa, "lonxe de recoñer o lexítimo dereito deste cidadán a ser atendido en galego, recolleu no informe policial que o instaron a mudar de lingua e empregar o castelán, xa que 'o persoal sanitario non tiña a obrigación de falarlle galego'".

Nunha nota de prensa, AMNL tamén lamenta que a delegación do Goberno só recoñece como válida a declaración policial e descartando a validez das testemuñas presentes, por manteren unha “relación de veciñanza” coa vítima da vulneración dos dereitos lingüísticos.

Aplicación da "lei mordaza"

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, criticou a aplicación da "lei mordaza" para sancionar este home, e asegurou que "é especialmente grave que o Goberno español dea absoluta validez a un expediente policial onde se afirma sen rubor que o dereito á atención en galego non existe e que se dea por válida unha actuación baseada na negación dese dereito que resulta na sanción á vítima da actuación policial”.

Tal e como explica Maceira, negarlle a atención en galego a este cidadán incumpre os artigos 74.s) da Lei 2/2015 do emprego público de Galiza; o art. 51 que define os requisitos lingüísticos do funcionariado, que debe coñecer a lingua; o artigo 54.11 do Real Decreto Lexislativo 5/2015 de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público. Ademais, AMNL cosidera este como un caso "moi grave" de discriminación por motivo de lingua en virtude do art. 185.1.b) da mesma Lei 2/2015, o que é unha falta" moi grave" e pode levar consigo a inhabilitación para a función pública”

Neste sentido, o presidente da Mesa afirmou que instará o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, a “abandonar toda hostilidade contra o galego, comezando por informar e desenvolver unha campaña de prevención e formación nos dereitos lingüísticos entre as forzas e corpos de seguridade”. Tamén porá o caso en coñecemento do Consello de Europa e do Consello de dereitos humanos da ONU, na medida en que afecta ao cumprimento da Carta Europea das línguas e aos dereitos civís.

Ademais, tamén anunciou que a plataforma farase cargo da defensa deste cidadán e dos posíbeis gastos que dela se deriven, incluída a multa, no caso de non prosperaren os recursos na fase administrativa, e as acción xudiciais pertinentes.

Comentarios