O sector audiovisual reclama unha lei que garanta o galego

Esta quinta feira tivo lugar o nacemento da Iniciativa polo audiovisual en galego nun acto no que se presentaron múltiples emendas do sector ao Anteproxecto de lei estatal.
Presentacion_Iniciativapoloaudiovisualengalego_01
photo_camera Nacemento da Iniciativa polo audiovisual galego na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. (Foto: Mesa pola Normalización Lingüística)

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu onte o nacemento da Iniciativa polo audiovisual en galego.

Esta nova entidade reivindica os dereitos da Galiza e do galego na nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual que ultima o Goberno estatal. Ademais, presentaron múltiples emendas do conxunto do sector á norma.

O acto contou coa presenza de Margarita Ledo e Soliña Barreiro, do Grupo de estudos audiovisuais (GEA) da USC; Uxía Caride, da Asociación galega de produtores independentes; Manuel Arca, da Asociación galega de tradutores e interpretes; Pablo Fontenla, da Asociación galega de profesionais da dirección e realización; Vítor Grande, da Asociación sindical galega de guionistas; e Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

A principal reclamación do sector respecto ao anteproxecto de lei é que o Executivo español concrete as medidas a favor da diversidade lingüística que se recollen, ademais de especificar as cotas para a programación de contidos producidos na Galiza para as televisións e as plataformas en liña como Netflix ou HBO.

Ledo defendeu a necesidade desta iniciativa colectiva e a pertinencia das súas reivindicacións, "sustentadas no traballo académico que vén desenvolvendo desde hai máis dunha década o GEA da USC", analizando a produción e a proxección "do cinema en linguas invisibilizadas, nomeadamente a galega".

Barreiro recordou que para que os obxectivos teoricamente perseguidos polo Anteproxecto de lei no relativo ao "fomento da diversidade cultural e lingüística do sector audiovisual" se acaden de modo efectivo, cómpre mellorar o texto e concretar tanto o orzamento como a súa distribución, descentralización e clarificación das cotas.

A este respecto, Arca sinalou que a nova lei afecta ao sector profesional e empresarial do audiovisual galego "non só como profesionais, senón tamén como cidadáns que queremos ver respectados os nosos dereitos".

Unidade na defensa do idioma galego

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, salientou a unidade social existente arredor da reivindicación de igualdade para a Galiza e o galego na lexislación, neste caso audiovisual, e anunciou que os partidos con representación galega no Congreso foron informados polas entidades destas demandas.

A Mesa xa lamentou no pasado novembro que o anteproxecto non recollera as demandas da Iniciativa Xabarín, aprobada por unanimidade no Parlamento da Galiza e que solicitaba que se equiparase para o galego as porcentaxes na dobraxe, lexendaxe, audiodescricións e financiamento anticipado previstas para o  idioma castelán.

Maceira destacou a relevancia de que a lei inclúa as alegacións para o futuro da lingua. Tamén aseverou que “afrontamos esta oportunidade nas mellores condicións posíbeis" polo consenso da sociedade galega e sinalou que "a unidade é garantía de éxito".

Comentarios