‘Lei Mordaza’ para os manifestantes contra a deturpación do topónimo da Toxa

A Mesa informa que hai no mínimo 4 persoas denunciadas pola Garda Civil en base a esa lei por participar na mobilización de setembro pasado.

a mesa toxaaaaa
photo_camera O presidente da Mesa, Marcos Maceira, mentres era empurrado por dous axentes. (Foto: Nós Diario)

“En relación ao acontecido na Toxa, acabamos de saber que o Goberno español aplicará a 'Lei Mordaza' ás persoas que se manifestaron en defensa da toponimia galega”. Con esta mensaxe nas redes sociais informaba A Mesa pola Normalización Lingüística das consecuencias para varios defensores do galego de participar na mobilización de setembro pasado contra a deturpación do topónimo arousán no marco do ‘Foro La Toja”.

“En resposta a unha pregunta formulada polo deputado Néstor Rego no Congreso, sabemos que se identificou como mínimo catro persoas e se procedeu á súa denuncia por parte da Garda Civil”, explican desde a organización na defensa do idioma.

A mobilización decorreu o 20 de setembro e na mesma participaron varias ducias de persoas que reivindicaban que non se “barbarizase” o topónimo da Toxa.

"Sabemos que se identificou como mínimo catro persoas e se procedeu á súa denuncia por parte da Garda Civil"

Axentes da Garda Civil empurraron e bateron os participantes na concentración baixo o lema “A Toxa, polo seu nome”, para denunciar a deturpación do topónimo da illa por parte do Foro La Toja.

Algúns dos participantes, como o presidente da Mesa, Marcos Maceiras, acabaron polo chan. A Garda Civil impediu que a concentración discorrese na ponte, e participantes na mobilización criticaron a “actitude” dos axentes.

“Non aceptaron nin dialogar e actuaron con moi malas maneiras, con empurróns contra Marcos Maceira ou a deputada Montse Prado, que simplemente querían falar”, indicaban aquel día varios participantes. "Mesmo Marcos caeu ao chan".

Tres semanas despois, o 16 de outubro, A Mesa volvía congregar ducias de persoas na Toxa na que denominou 'Marcha da Dignidade', unha nova mobilización na defensa do topónimo da Toxa. 

Explicacións

Pola súa banda, o deputado nacionalista Néstor Rego manifestou a través da súa conta de twitter que "rexistraremos unha nova iniciativa exixindo explicacións e a rectificación deste despropósito".

Comentarios