“Non dou creto”: Fala o cidadán multado a raíz de exixir ser atendido en galego

Nun vídeo divulgado pola Mesa este veciño afirma que a contestación que levou no centro de saúde cando pediu ser atendido en galego foi “vaya a la tienda del barrio, que allí lo atienden, paleto”. Vídeo no interior

O home sancionado por reclamar que o atendesen en galego. (Foto: Nós Diario)

A Mesa pola Normalización denunciaba esta segunda feria que a delegación do Goberno español en Galiza propón sancionar un cidadán cunha multa de 600 euros por reclamar ser atendido en galego nun cribado da Covid19 en abril.

A entidade divulga agora un vídeo nas redes sociais nas que este veciño, co rostro pixelado, explica a súa versión do que aconteceu aquel 17 de abril.

Sempre segundo esta versión, el estaba no centro de saúde para someterse a un cribado da Covid e solicitou á repecionista ser atendido en galego, momento no que esta lle respondeu, segundo el di, “váyase a la tienda del barrio que alló lo atienden, paleto”.

Recoñece que ficou desconcertado pola resposta e que comentou a dúas sanitarias do centro a resposta que aababa de recibir: “Dixéronme que non podían facer nada”, afirma, e procedeu a abandonar o centro de saúde.

Foi entón, di este veciño denunciado que prefire manter o anonimato, cando topou con 2 axentes da Policía Local, que se dirixiron a el, segundo a súa versión, para dicirlle “que quen era eu para pedirlle a unha funcionaria que falase en galego, que estábamos en España”.

“De aí a un mes recibín unha notificación de denuncia de 600 euros”, indica. “Non dou creto”, conclúe.

Policía

En resposta á denuncia realizada pola Mesa, o xefe da Policía de Rianxo, Raúl Frieiro, sinalou a través do FB deste corpo: "Nós non entramos en cuestións lingüísticas. Fomos chamados porque estaba alterando a orde nun dispositivo de cribado en plena pandemia".

Frieiro engadiu que, coa súa actitude, o denunciante incluso interrompeu o desenvolvemento da actividade no centro médico e que «faltou ao respecto aos axentes actuantes»"

Comentarios