O Estado renuncia a defender a oficialidade do galego na UE

O Goberno español renuncia a defender a oficialidade do galego na Unión Europea (UE).
O minsitro de exteriore do Goberno español, José Manuel Albares (Foto:  Eduardo Parra/ Europa Press).
photo_camera O minsitro de exteriore do Goberno español, José Manuel Albares. (Foto: Eduardo Parra/ Europa Press).

Tras constatar as resistencias de determinados Estados, como Suecia ou Finlandia, a oficializar as linguas propias de Catalunya, Galiza e Euskal Herria, o ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, retirou a súa proposta e anunciou a súa intención de presentala reformulada nunha nova sesión do Consello de Asuntos Xerais da Unión Europea (UE).

Nunha rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Asuntos Xerais da UE, en Bruxelas, Albares anunciou a intención do Goberno español de priorizar o recoñecemento do catalán a nivel comunitario, deixando a legalización de euskera e do galego para máis adiante. "Ante a formulación de dúbidas por parte de Estados membros, que falaban de que tres linguas dunha soa vez era moito e de que talvez era necesario unha gradualidade, primamos o catalán con respecto ao euskera e ao galego, pero a decisión final non varía en absoluto e a defensa que se fixo é dos tres idiomas", expuxo o ministro.

A proposta de Albares foi confirmada pola vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, quen defendeu primar o catalán fronte a galego e euskera como “unha solución de compromiso para ir avanzando con aquela lingua que ten máis número de falantes” e negou calquera tipo de "discriminación" ás outras linguas oficiais.

Críticas desde Galiza

A posición do Executivo estatal foi criticada por diversas entidades en defensa do catalán, do euskera e do galego. Así, a Mesa pola Normalización Lingüística, a través da súa directiva Celia Armas, sinalou que “o PSOE amosa unha actitude na Unión Europea que a equipara á que ten o PP cando vota en contra de que as nosas linguas teñan presenza no Congreso dos Deputados”. Nese sentido, afirmou que “esa actitude incoherente e galegófoba non pode continuar adiante, polo que esiximos unha rectificación”.

O BNG manifestouse, tamén, moi crítico coa decisión do Goberno español. Así, a súa voceira no Parlamento europeo, Ana Miranda, rexeitou “a discriminación do galego na UE decidida polo Goberno español” e apuntou que “para o Bloque non hai linguas de primeira e de segunda, senón que todas son de primeira”. Na mesma dirección, o seu deputado Luís Bará remarcou que a formación non aceptará "ningunha rebaixa" nin "trato discriminatorio" co galego.

Críticas en Catalunya e Euskadi

As voces críticas contra a decisión do Executivo estatal chegaron, tamén, desde Catalunya e Euskal Herria. Así, o presidente catalán, Pere Aragonés, considerou “insuficientes” os movementos do Goberno español, na liña do sinalado pola asociación Òmnium. Pola súa parte, o PNV, por boca do seu voceiro no Congreso dos Deputados, Aitor Esteban, considerou “decepciónante” a decisión de primar o catalán sobre o euskera e o galego e puxo de manifesto que “isto non axuda para o apoio do PNV a Sánchez na investidura”. Ademais, o voceiro de Euskal Herria Bildu na Unión Europea, Pernando Barrena, criticou a actitude das autoridades españolas de primar o catalán fronte ao euskera e ao galego.

Comentarios