Ningún país pediu a Albares priorizar o catalán sobre o galego e o euskera para axilizar a súa oficialidade na UE

Varias fontes diplomáticas negan que puxesen sobre a mesa a proposta de impulsar primeiro o catalán: "Ninguén salvo España falou de 'trocear' a aplicación do recoñecemento das linguas cooficiais".

O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, nunha rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, propuxo adiantar a oficialidade do catalán para "facilitar" o proceso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Ningún da vintena de ministros que esta terza feira tomaron a palabra na reunión en Bruxelas para abordar a oficialidade das linguas cooficiais do Estado español pediu ao Goberno en funcións que lidera Pedro Sánchez que priorizase a introdución do catalán sobre o euskera e o galego para axilizar a súa oficialidade, tal e como trasladou o ministro de Exteriores, José Manuel Albares. As dúbidas dos seus 'socios' europeos, pola contra, centráronse no precedente legal que crearía o recoñecemento de linguas oficiais e nas súas consecuencias financeiras e prácticas para o bloque.

Así veñen de confirmalo distintas delegacións diplomáticas citadas pola axencia Europa Press, nunha xornada na que o Consello de ministros europeos de Asuntos Xerais adiou sen data a súa decisión sobre a petición española, á espera de coñecer información precisa sobre os aspectos xurídicos, prácticos, económicos e políticos de modificar o regulamento común que rexe o uso das linguas oficiais na Unión Europea. Agora corresponderalle ao Estado español, en tanto que ostenta a Presidencia de quenda da UE, dar seguimento ao expediente dentro dos grupos de traballo que existen no Consello cando dispoñan dos informes financeiros e legais que piden o resto de socios para estudar a fondo a petición.

Os ministros dedicaron perto de 40 minutos a examinar a posibilidade de recoñecer como linguas oficiais o catalán, o euskera e o galego, sen que ao final se sometese a cuestión a votación, dado que quedou patente que unha vasta maioría pediu máis tempo e cifras claras para sustentar a análise. Ao remate, o ministro Albares explicou á prensa que na sala propuxera "iniciar o despregamento primeiro co catalán e, seguidamente, coas outras dúas linguas". Tamén afirmou que "en absoluto" se trata dunha forma de discriminación cara ao galego e o euskera, porque o Estado español "defende a oficialidade das tres", pero este xesto, dixo, pretende "responder ás dúbidas de parte dos Estados membro" preocupados polo impacto de "tres linguas dunha soa vez".

Para convencer os seus socios europeos, a semana pasada o Estado español xa se ofrecera a asumir o custo do que suporía a tradución e interpretación do catalán, euskera e galego como linguas oficiais comúns, a pesar de que ser parte do Regulamento común que rexe as linguas recoñecidas implica que tal custo se sufraga co orzamento comunitario. O Goberno en funcións de Pedro Sánchez tampouco facilitou polo momento ningunha cifra do custo estimado para esta medida.

Dúbidas sobre o recoñecemento

Preguntado pola condición de aplicar un modelo "gradual", o ministro de Asuntos Europeos de Finlandia, Anders Adlercreutz, afirmou en declaracións aos medios non lembrar que tal exixencia fose exposta nas discusións entre os Vinte e sete, máis aló das explicacións do ministro español. "Non lembro que fose discutido [...]. Non podo prometer que non se falase, pero non lembro que fose o caso", expresou, e apuntou que o principal elemento de "preocupación" é o "principio xeral" que supón abrir a porta do recoñecemento pola UE de linguas rexionais polas consecuencias noutros países con linguas minoritarias, e máis co horizonte de ampliación cara aos Balcáns occidentais que estuda a UE.

"É necesario tempo e examinar eses posíbeis escenarios e ver que poden significar para a Unión Europea de hoxe e mañá", engadiu o ministro, antes de incidir nas "dificultades" para tomar decisións esta terza feira pola "incerteza" e a información "limitada" que se facilitou ás delegacións. "Ninguén pode esperar que se adopte unha decisión en Bruxelas nunha mañá sobre unha proposta cuxa versión en papel acaba de chegarnos ese mesmo día", dixo, pola súa parte, o secretario de Estado irlandés, Peter Burke, quen se uniu ao resto de delegacións que apuntan á falta de concreción sobre o alcance dos cambios que reclama o Estado español e considerou que, en todo caso, oficializar as tres linguas suporá unha "factura importante".

Un diplomático doutro Estado membro sinalou que Albares deslizou a posibilidade de empezar a aplicación práctica do catalán "antes" que a do euskera e galego, "a pesar de que ningún Estado membro mencionou iso nas súas intervencións". Tampouco nas discusións preparatorias a nivel de embaixadores tratouse este escenario, engadiu.

"Ninguén salvo España falou de 'trocear' a aplicación do recoñecemento das linguas cooficiais", apuntou outra fonte diplomática, que matizou que, en todo caso, o desenvolvemento da proposta será abordado en grupos de traballo "chegado o momento", malia que aínda non hai un calendario claro para iso.

Ademais, un número importante de delegacións insiste na necesidade de contar cun ditame xurídico dos servizos legais do Consello para aclarar o impacto da proposta española e aclarar o encaixe que se podería dar á entrada de linguas rexionais na oficialidade. "Non é simplemente a cuestión do catalán, senón que quizais se vai cambiar a lóxica do funcionamento de traballo do réxime lingüístico da UE. Se hai unha decisión pode ter un impacto sobre outra decena de linguas", apunta un alto funcionario europeo, que lembra, por exemplo, a minoría rusoparlante que hai en Letonia.

Comentarios