Calviño nega "discriminación" ao galego após priorizar o catalán e Ana Miranda replica que "non hai linguas de segunda"

  • Nadia Calviño, vicepresidenta do Goberno español: "Tense que propor unha solución de compromiso para ir avanzando con aquela lingua que ten máis número de falantes, pero non hai ningún tipo de discriminación"
     
  • Ana Miranda, eurodeputada do BNG: "Non hai linguas de primeira e de segunda, senón que son todas de primeira, polo que pedimos igualdade de trato"
A vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño, e a eurodeputada do BNG, Ana Miranda. (Fotos: Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño, e a eurodeputada do BNG, Ana Miranda. (Fotos: Europa Press)

A vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital en funcións, Nadia Calviño, defendeu esta terza feira que non hai "discriminación" ao galego e o euskera logo de que o ministro de Exteriores, José Manuel Albares, ofrecese ao resto de países da Unión Europea aprazar o recoñecemento desas dúas linguas e comezar coa oficialidade do catalán nun intento por acelerar o proceso no seo da UE. En declaracións desde o Parlamento Europeo antes de presentar as prioridades da Presidencia española do Consello da UE para este semestre, Calviño afirmou que priorizar o recoñecemento do catalán como lingua oficial da UE resulta unha "solución de compromiso" fronte aos Estados membro preocupados polo custo de incluír tres linguas de golpe ao Regulamento da Unión.

"Tense que propor unha solución de compromiso para ir avanzando con aquela lingua que ten máis número de falantes, pero non hai ningún tipo de discriminación. A solicitude do Goberno de España refírese ás tres linguas", apuntou. A vicepresidenta insistiu en que o Estado español pide a consideración "por igual de todas as linguas cooficiais".

"Tan importante é o galego, o euskera ou o catalán. Non cabe ningunha dúbida", subliñou, para logo insistir en que Europa se constrúe sobre a "diversidade" e o "respecto" ás distintas culturas e linguas, malia admitir que xa hai "un gran número de linguas oficiais" nas institucións do espazo comunitario.

Esta terza feira, os Vinte e sete discutiron a proposta de España de recoñecer as tres linguas como oficiais na UE, unha iniciativa fronte á que numerosos ministros europeos pediron máis tempo para examinar a necesidade e impacto da medida, entendendo que antes de tomar unha decisión hai que coñecer en detalle as consecuencias legais, prácticas e orzamentarias de tal modificación. Nadia Calviño lembrou que os procedementos nas institucións europeas "levan o seu tempo", se ben confía en que no seo da UE, en particular no Parlamento Europeo, haxa unha "recepción favorábel" á proposta.

Miranda: "Todas as linguas son de primeira"

Quen si criticou o anuncio do ministro Albares foi a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que advertiu de que "non hai linguas de primeira e de segunda, senón que son todas de primeira". "Lamentamos a decisión do Goberno español transmitida no Consello da Unión Europea de priorizar unhas linguas sobre outras", incidiu, logo de coñecer o resultado da reunión dos ministros de Asuntos Xerais da Unión Europea.

Neste sentido, a parlamentaria reclamou "igualdade de trato" para o galego, ao recalcar que para o Bloque "non hai linguas de segunda" e a de "priorizar" o catalán na carreira europea pola oficialidade foi "unha decisión unilateral do Goberno español".

Por outra parte, Miranda criticou a ausencia de prazos para implantar a oficialidade das tres linguas e precisou que o BNG "espera solicitar un ditame xurídico sobre as consecuencias da oficialidade do galego, catalán e eukera" e unha análise do seu impacto económico non sexa unha manobra para alongar sine die a súa implantación.

Comentarios